O Concello de Oroso pon en marcha varias colonias felinas para protexer aos gatos que viven nas rúas do municipio

Proxecto (5)

O Concello de Oroso vén de poñer en marcha un protocolo para a creación de colonias felinas controladas co obxectivo de atender e controlar a estes animais que viven nas rúas do municipio.

Trátase dun proxecto semellante aos xa desenvolvidos con éxito noutras cidades como Ourense, Santiago, Coruña ou Cambados, co fin de procurar unhas condicións axeitadas para a vida dos gatos que permitan o seu control sanitario e de poboación e, ao mesmo tempo, favorezan a normal convivencia entre a cidadanía e estes animais, sendo modelo e exemplo de boas prácticas e trato cara a eles.

O procedemento a aplicar consistirá no método CES (captura, esterilización e solta); o método “máis eficaz para garantir a súa protección e dignidade” en palabras do alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

En total instaláronse catro casetas en diferentes puntos do municipio que permitirán, co tempo, capturar, esterilizar e soltar de novo a estes animais.

Proxecto (2)

O Concello de Oroso cumpre así coa Lei 4/2017 do 3 outubro de Protección e Benestar dos animais de compañía de Galicia, que anima e obriga a todos os Concellos a súa normalización. Tal e como se recolle, os Concellos poderán establecer conforme ás condicións e requisitos que se determinen regulamentariamente, lugares destinados a colonias felinas controladas como posible destino das comunidades de gatos sen propietario ou propietaria que vivan na rúa co fin da súa protección e control poboacional; iso si, sempre que a contorna o permita.

Unha iniciativa coa que o Concello de Oroso dá resposta á preocupación existente sobre a protección dos animais, comprometéndose ademais na loita contra o maltrato animal e sumándose así a unha longa lista de cidades galegas, españolas e europeas que xa teñen en marcha o mesmo proxecto.

Deixa un comentario