O PP de Oroso defende a suba de prezos dos comedores escolares, que obriga a deixar de usar este servizo a 50 familias orosás.

Comedor escolar de Oroso

O pleno de Oroso aprobou, co voto en contra do Partido Popular, rexeitar o repago do servizo de comedor decretado pola Xunta este verán

Na última sesión plenaria de setembro só os socialistas presentamos iniciativas. A máis importante foi a que tiña por asunto a suba dos comedores escolares. O pleno de Oroso aprobou, co voto en contra do Partido Popular, rexeitar o repago do servizo de comedor decretado pola Xunta este verán ao entender que supón un “mazazo” para as familias das clases máis débiles e dificulta o acceso a unha educación en igualdade.

Diante da negativa do PP, Antonio Leira adiantou os efectos desta medida do Goberno Feijoo en Oroso: “a estas alturas hai 50 familias de Oroso que renunciaron ao comedor. Isto é unha realidade que está pasando hoxe”. Leira Piñeiro explicou que este repago “é un paso máis na desigualdade das persoas” e lembrou que “no 2008, con Feijoo apenas 2 meses no cargo, suprimiu a gratuidade dos libros de texto e deixou sen esa axuda a 93 familias de Oroso”. Dúas situacións que “se anunciaron ás agachadas, durante o verán, cando non hai capacidade de manobra”, lembrou.

Pola súa banda, o PP só se dedicou a defender os recortes feitos polo seu partido en Madrid e en San Caetano. Incluso tiveron o cinismo de dicir cousas como que esta suba de ata 4,5 euros “non é unha medida que ataque ás clases traballadoras” ou que “a incidencia non é tan grande para as familias”. Por negar, mesmo chegaron a negar o feito de que 50 familias de Oroso renunciaran a levar aos seus fillos ao comedor pola suba das taxas.

Unhas afirmacións que mereceron a irónica felicitación do alcalde de Oroso, Manuel Mirás, quen destacou que os concelleiros do PP de Oroso “son leais e disciplinados” co seu partido, aínda que iso supoña ir en contra dos veciños e veciñas de Oroso. Mirás criticou á Xunta e ao Partido Popular por que “temos 50 familias que non poden pagar o comedor porque eles queren cobrar 4,5 euros e, con eses cartos, pagar o comedor dos outros”.

Emigrantes retornados

Onde si houbo unanimidade foi na moción do PSOE para instar á Xunta de Galicia e á Axencia Tributaria a que regulen a situación dos pensionistas retornados, para que deixen de ser considerados defraudadores fiscais e se deixen de emitir sancións e non se cobren intereses de demora a quen tentaron regularizar a súa situación.

O concelleiro Antonio Leira denunciou que “mentres hai persoas que defraudan, que cobran sobresoldos e despois de que o Goberno mesmo fixera unha amnistía fiscal para os grandes defraudadores, resulta que siguen chegando cartas de sanción aos pensionistas retornados. Entendemos que é unha situación inxusta”. O PP, que inicialmente votou en contra de sequera debatir sobre este tema, finalmente sumouse ao apoio de todos os grupos municipais.

Descargar (PDF, 81KB)

Deixa un comentario