Partido Popular e Partido Galeguista votan en contra do acordo aprobado polos veciños sobre o cemiterio da Penela.

Votación dos veciños do cemiterio da Penela

Balado e Siverio desprezaron co seu voto negativo a decisión tomada o pasado 17 de setembro en asamblea polos propietarios dos panteóns do cemiterio da Penela, que aprobaron este mesmo acordo co apoio de máis do 97% dos veciños e sen ningún voto en contra (só houbo 5 abstencións).

“Votan en contra dos veciños porque non lles gusta que atoparamos unha solución a un problema complicado”. Deste xeito resumía o alcalde Manuel Mirás a oposición de Partido Popular e Partido Galeguista á cesión gratuíta da parcela do cemiterio da Penela (Oroso) á asociación de veciños “Orosinos”, integrada polos propietarios dos panteóns deste camposanto, por un período de 75 anos prorrogables. Unha proposta que saíu adiante grazas aos votos a favor do Partido Socialista e do BNG.

É dicir, tanto PP como PG votaron en contra da decisión dos veciños, cando se supón que os concelleiros están para traballar en favor da veciñanza. Sen embargo, tanto Balado como Siverio desprezaron co seu voto negativo a decisión tomada o pasado 17 de setembro en asamblea polos propietarios dos panteóns do cemiterio da Penela, que aprobaron este mesmo acordo co apoio de máis do 97% dos veciños e sen ningún voto en contra (só houbo 5 abstencións).

Diante desta actitude contra os veciños, o alcalde Mirás pediulles a PP e Partido Galeguista que “deixen a demagoxia, porque non hai mellor solución”. Incluso lles explicou aos populares que “o acordo foi consultado coa Xunta, que é do seu mesmo partido, e nos dixeron que esta é a fórmula indicada”. Diante das dúbidas sembradas polo PP sobre a entrega ou non dun título de propiedade aos veciños, Mirás lembrou que o título que se lles vai entregar aos veciños “é válido a todos os efectos, porque é expedido polo Concello e está asinado por un feudatario público como é o Secretario do Concello” e insistiu en que “esta é a mellor fórmula posible sen meter en gastos aos veciños”.

Neste sentido, o alcalde recordou que as propostas da oposición “non se decatan de que estamos a falar dunha parcela pública cedida pola, daquela, Consellería de Agricultura para un cemiterio. No momento en que non sexa cemiterio, hai que devolvela” e explicoulle a Siverio que “propoñer unha cesión por 99 anos é facer as cousas fora da lei, polo cal o acordo sería nulo de pleno dereito”. Mirás insistiu en que con este acordo “os veciños de Oroso terán a seguridade de que no cemiterio da Penela non se toca e que en herdanza poden deixarlle a súa propiedade a quen queiran”.

Unha vez que o acordo sexa publicado no no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no taboleiro de edictos do Concello de Oroso abrirase un prazo de 15 días hábiles para presentación de alegacións. En canto o acordo teña carácter definitivo, os propietarios recibirán un documento individual que, unha vez asinado e validado, servirá para acreditar a súa propiedade. O Concello non terá desde entón ningún poder de decisión en canto á xestión do cemiterio, pese a que a parcela teña que estar ao seu nome por normativa legal. Serán os donos dos panteóns os que, a través da asociación, asuman o mantemento e xestión do recinto.

O resto da orde do día foi aprobado por unanimidade. Os festivos locais de 2014 serán: martes de entroido (4 de marzo) e Santa Eufemia (16 de setembro). Tamén se aprobou o Regulamento polo que se crea e regula o ficheiro de datos de control horario dos empregados públicos do Concello de Oroso, respectando a vontada expresada polos traballadores e a pesar das reticencias amosadas polo PP en Comisión.

Deixa un comentario