Vanesa Boo, nova Secretaria Xeral dos Socialistas de Oroso

intervencion-Vanesa

Vanesa Boo Martínez, actual tenente de alcalde, é desde hoxe a nova Secretaria Xeral dos Socialistas de Oroso, formación na que Manolo Mirás pasa a ocupar o cargo de Presidente. Boo foi elixida nova Secretaria Xeral por unanimidade, no transcurso dunha especial asemblea xeral que contou coa intervención do Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Vanesa Boo dedicou palabras de especial agradecemento “a todos os militantes e simpatizantes”, sen os cales o labor da formación non sería posible, e comprometeuse a volcar “todo o esforzo” en “seguir consolidando todo o conseguido grazas ao bo facer de Manolo como Secretario Xeral”. “Sei que contarei co seu apoio para logralo -proseguiu- e de igual maneira el terá todo o noso respaldo se decide ser o noso candidato nas próximas eleccións municipais, xa que coñecemos a súa intención de volver presentarse a estes comicios, e celebramos que así sexa”. “Terás todo o noso respaldo e non pensamos nun candidato mellor para acceder de novo á Alcaldía”, destacou.

Boo dixo afrontar o novo reto con “moita ilusión”, da man dunha executiva na que buscou “conxugar experiencia e renovación”, e á que tamén dedicou palabras de agradecemento por sumarse “de forma tan incondicional” ao proxecto cando llelo propuxo.

Compoñen a nova executiva nomeada hoxe:

  • Manuel Mirás Franqueira, Presidente
  • Beatriz Rodeiro Fernández, Secretaria de Organización
  • Luis Rey Villaverde, Secretario de Política Municipal e Acción Electoral
  • Eduardo Veiras Rey, Secretario de Finanzas
  • María Encarnación Jiménez López, Secretaria de Medio Ambiente e Infraestruturas
  • María del Carmen Varela Gendra, Secretaria de Igualdade
  • Jonathan Rey Bouzón, Secretario de Xuventude e Deporte
  • Miguel Calvo Rial, Secretario de Comunicación e Cultura

Intervención de Manolo Mirás

Manolo Mirás destacou na súa intevención a experiencia de Vanesa, quen “chega á Secretaría Xeral con experiencia no partido e na xestión municipal”. O alcalde aproveitou a súa intervención para poñer o punto de mira non só nas eleccións municipais, senón tamén nas autonómicas, e situando a Gonzalo Caballero coma o candidato idóneo para dar o pulo que Galicia necesita. Fixo un chamamento ao auditorio congregado na asemblea sobre a necesidade de votar ao Partido Socialista nos comicios autonómicos e xerais da mesma maneira que nas citas electorais municipais, dado que “o PSOE sempre foi unha xoia para Oroso”.

Mirás, elixido recentemente responsable de Política Munical na executiva do PSdeG provincial, adiantou o seu convencemento de que se logrará “máis da metade das alcaldías da provincia”, así como “a recuperación das cidades”.

Intervención de Gonzalo Caballero

Pola súa banda, Gonzalo Caballero puxo a Oroso como “exemplo do que debería ser o partido en toda Galicia”, baixo o lema que encabezou asemblea: Renovación e experiencia. Manifestou palabras de eloxio ao ter a oportunidade de asistir a “un exemplo de asemblea aberta a toda a cidadanía, e con compañeiros cunha traxectoria histórica”. “Toda esta experiencia é o que temos que trasladar para darlle unha oportunidade a unha nova xeración que ten o reto de darlle un goberno novo a Galicia”.

Caballero acusou á Xunta de Feijóo de “preocuparse polos grandes números e esquecerse da cidadanía, a que acusa os graves recortes aplicados nos servizos públicos e que se evidencian no sistema sanitario ou na dependencia. Fixo especial fincapé na necesidade de facer un goberno que teña como obxectivo fundamental a asistencia ao benestar das persoas maiores.

“Esta asemblea é un exempo para o conxunto do socialismo galego: demostra a capacidade dun goberno municipal potente durante moitos anos, que vai afrontar as municipais de forma solvente, logrando unha maioría sólida, e con máis maioría, para darlle a Oroso aínda máis goberno e mellor goberno, e que siga progresando”, salientou.

A asemblea xeral dos Socialistas de Oroso foi desenvolvida no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, e a militancia e simpatizantes orosáns estiveron acompañados por compañeiros e compañeiras doutras agrupacións locais, cos que ao finalizar compartiron un ágape.

 

Deixa un comentario