Formoso, novo secretario provincial nunha executiva con Mirás á fronte da política municipal

foto-congreso-provincial

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, converteuse oficialmente este sábado en secretario provincial dos socialistas da Coruña durante a celebración do seu terceiro congreso, no que o 86,3% dos 183 delegados participantes respaldaron a lista acordada entre a dirección local e autonómica do partido. Os Socialistas de Oroso teñen unha representación importante na nova executiva nomeada, na que o noso alcalde, Manolo Mirás, será o responsable da Secretaría de Política Municipal.

Este congreso, presidido precisamente polo  concelleiro orosán e deputado provincial Antonio Leira, deixa unha destaca presenza da nosa agrupación no novo organigrama do socialismo na provincia, coa tamén concelleira Vanesa Boo como integrante da Comisión de Garantías.

O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, será o portavoz provincial e asume unha das catro vicepresidencias xerais creadas na nova estrutura. O resto das vicepresidencias xerais recaen na alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez (Políticas Sociais), no alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar (Coordinación Institucional) e na deputada autonómica Begoña Rodríguez Rumbo (Economía e Emprego). O socialista noiés José Manuel Lage Tuñas será o novo secretario de Organización provincial.

Como mostra de integración co resto de aspirantes á dirección provincial Formoso deu cabida na executiva a outros dous precandidatos, Javier González Trillo e Lois Fermín Vázquez, que asumirán as áreas de Emprendemento e Ciencia e Innovación, respectivamente.

En total a nova executiva dos socialistas coruñeses está conformada por 47 membros, entre os que destacan importantes cargos institucionais. Xunto con Manolo Mirás traballarán polo desenvolvemento do partido na provincia o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo (Gobernanza Local), o alcalde de Neda, Ángel Alvariño (Medio Rural), o alcalde da Capela, Manuel Meizoso (Medio Ambiente) e o senador Ángel Mato Escalona (Industria).

Deixa un comentario