Alexánder Doval non cre nos Reis Magos

15895841_1232318003522708_4491144213501918697_o

Está claro que Alexánder Doval xa non cre nos Reis Magos, e por iso pouco lle importa a Cabalgata de Reis que teremos ocasión de ver mañá no noso concello. Tanto é así que se dedica a protestar polas redes sociais polos supostos prexuízos que está a ocasionar a súa organización ao comercio local.

Este ano a Cabalgata de Reis será aínda máis grande e incorporará unha nova carroza, máis voluminosa. A normativa actual de seguridade especifica que no pode haber vehículos aparcados en lugares de tránsito con aglomeracións, como é o caso da Cabalgata. A preparación do seu percorrido require pois este ano de máis tempo, poñendo todas as medidas para que ese día non haxa ningún vehículo que por despiste quede nun lugar que entorpeza o paso, o que obrigaría á súa retirada, co correspondente prexuízo para o propietario. Comezouse con dous días de antelación a dispoñer as vallas, debido a escaseza de persoal do Concello, no que recae todo o traballo de organizar o evento e sinalizar o percorrido da Cabalgata. Por outra banda, optouse por facelo con antelación debido a dificultade que ocasiona ter que localizar a última hora os propietarios dos vehículos que sempre quedan estacionados a pesares de haber carteis informativos que impiden aparcar.

O equipo de goberno, con Manolo Mirás á cabeza, segue así a liña emprendida desde hai anos de ir mellorando e ampliando a Cabalgata de Reis en cada nova edición. Os veciños e veciñas de Oroso non son alleos ao feito de que a nosa Cabalgata congrega cada 5 de xaneiro a máis xente. Resulta evidente na afluencia ao pavillón, onde o número de familias medra de forma exponencial cada ano e está sempre abarrotado para recibir ás Súas Maxestades.

A Cabalgata de Reis é a guinda do pastel da ambientación de Nadal promovida polo Concello, que ten precisamente como obxectivo principal a promoción do comercio local. A ambientación musical, o importante investimento realizado para mellorar o alumeado e a ampliación da Cabalgata promoven que a xente quede en Sigüeiro para comprar, reunirse e tomar algo. Cada 5 de xaneiro observamos que mesmo está a visitarnos cada ano máis xente de fóra, porque temos unha Cabalgata ben xeitosa, cunha gran participación cidadá, e moito máis axeitada para o seu goce que outras de cidades grandes, con afluencia moi masificada. Isto non sería posible sen a axuda do conxunto de persoas de todas as idades e entidades que están a colaborar na Cabalgata, ás que desde aquí damos as gracias.

Alexánder Doval parece non darse conta de que noutras cidades ou vilas a organización da Cabalgata de Reis obriga a cortar rúas enteiras ao tráfico de vehículos, porque se trata dun evento de certa magnitude no que o máis importante é garantir a seguridade de nenos e maiores. Afastado de calquera espírito navideño, no canto de ver o positivo das cousas dedícase a buscar e divulgar supostos contras.

Doval, os Reis vanche traer carbón este ano.

Deixa un comentario