Resposta a Doval: “No es lo mismo predicar que dar trigo”

(Reprodúcese a continuación a resposta do alcalde de Oroso ao portavoz municipal do PP ao respecto dunha solicitude de baixada de impostos). 

Estimado concelleiro e veciño de Oroso, Sr. Alexánder Doval Expósito:

Recibín a súa atenta misiva na cal lle solicita a este Goberno, que teño a honra de presidir, a baixada de impostos aos veciños do Concello de Oroso. Teño que dicirlle que lle prestei a mellor das atencións, pois non deixa de ser unha proposta interesante e sorprendente.

Interesante porque para min non habería máis grande satisfacción que poder baixar os impostos a toda a veciñanza e empresas de Oroso; e sorprendente porque unha vez máis vostede segue a facer demagoxia da máis pura hipocrisía.

Como ben sabe, Sr. Doval, o Concello de Oroso ten unha presión fiscal das máis baixas de Galicia e mesmo de España, e ao mesmo tempo é un dos concellos máis sostibles de Galicia. Non somos os mellores nin moito menos, pero estamos na media.

O nivel de presión fiscal por habitante do Concello de Oroso (ingresos por impostos e taxas/número de habitantes), sitúase en 339,70€/habitante, sendo a media nacional (España) de 522.57€/habitante para o tramo de poboación entre 5.001 e 20.000 habitantes e de 427.21€/habitante para os municipios de Galicia.

A nivel de impostos teño que dicirlle que por exemplo no caso do IBI estamos por debaixo dos concellos da zona, en vehículos o mesmo, en recollida de lixo e abastecemento de auga por debaixo tamén dos concellos que nos rodean. Recórdolle ademais que o valor catastral é fixado polo Catastro, dependente do Goberno de España.

Falta pouco tempo para os comicios municipais e vostede xa está en campaña, máis que en campaña esta vostede igual dende que comezou en política: coa cerimonia da confusión e coas mentiras. Supoño que vostede a estas alturas, estará enterado da calidade dos servizos e actividades que se levan a cabo no noso Concello. Vostede reside e é concelleiro deste municipio, e dou por suposto que o sabe, aínda que as veces faime dubidar. ¿Non é demagoxia esixir máis servizos e ao mesmo tempo pedir que se baixen os impostos?

Dígame vostede a solución razoada e con números. Porque os números, Sr. Doval, son moi teimudos e non creo que vostede sexa capaz de dar unha solución. Primeiro porque lle vai ser imposible aínda que queira; segundo, aínda que fose posible dende o punto de vista económico baixar impostos e manter os mesmos servizos non o vexo a vostede capacitado para facer esa ecuación, así como tampouco o vexo capacitado para ser Alcalde.

E xa para rematar boto man do refraneiro castelán: No es lo mismo predicar que dar trigo.

Asdo: Manuel Mirás Franqueira

Alcalde de Oroso

Deixa un comentario