Mirás ao PP: “Facer xestos absurdos cara a galería non é facer política”

entrevista-El-Correo-recortada

O secretario xeral dos Socialistas de Oroso e alcalde, Manolo Mirás, manifestou hoxe a súa perplexidade ante as acusacións do Partido Popular ao respecto da última sesión plenaria do Concello, na que nun momento do debate os concelleiros populares decidiron marchar do pleno. “O que non é de recibo é que se o debate non sae como un quere, romper a baralla e marchar”, explica. O alcalde atribúe a marcha dos populares a escenificar un enfado “para ocultar que se lles estaba deixando en evidencia”, pero “facer xestos absurdos cara á galería non é facer política”.

Os Socialistas de Oroso levamos lamentando unha e outra vez a ausencia de altura política da formación liderada por Alexánder Doval, que se dedica a verter críticas sen fundamento ou directamente falsas nos medios de comunicación e nas redes sociais, no canto de levar propostas serias ao debate plenario. Neste pleno no transcurso do debate esta postura do PP foi severamente reprendida unha vez máis polo alcalde, quen reiterou a necesidade de centrar o pleno en asuntos de interese para a cidadanía de Oroso, no canto de usar artimañas partidistas para criticar en falso a xestión municipal.

Ante a falta de argumentos na contenda dialéctica, Doval e os seus compañeiros optaron por marchar, para despois denunciar nos medios de comunicación e en redes sociais que o alcalde non lles deixa falar. “Quen quere falar non abandona o foro de debate dunha institución; mellor dito: quen quere falar con rigor e con argumentos serios. O que pasa é que para o PP é máis sinxelo escribir mentiras nas redes sociais e nas notas de prensa, non vaia ser que o digan en alto no pleno e o alcalde os deixe en evidencia”, inronizou.

Deixa un comentario