González Formoso é avalado por unanimidade en Oroso no arranque da súa campaña para a Secretaría Provincial

photo_2017-11-29_21-46-47

A sala de xuntas da Agrupación Socialista de Oroso quedouse onte pequena para o auditorio congregado para escoitar ao alcalde das Pontes e presidente da Deputación Provincial, Valentín González Formoso, quen recolleu o conxunto dos avais dos militantes de Oroso no seu arranque de campaña como precandidato á Secretaría Xeral Provincial. Presentado por Manolo Mirás como “o mellor candidato para guiar o noso partido na provincia”, Formoso puxo ao Concello de Oroso como exemplo do bo facer das alcaldías progresistas.

Ao seu xuízo, un simple análise das curvas de poboación revela que “onde o goberno é progresista a poboación crece, mentres que onde o goberno é de dereitas a poboación decrece”. Gabou a situación económica do noso municipio, onde ve “moitísimo futuro”, no que cunha media poboacional de 39 anos hai “un polígono industrial incipiente cunha forza enorme, cunha plataforma loxística punteira en Galicia, o maior fabricante de compoñentes do sector eólico, empresas do sector das enerxías renovables e que agora conta cunha conexión á autopista que houbo que andar pelexando”.

Na súa intervención González Formoso fixo fincapé no labor socialista á fronte da Deputación Provincial, ente que cualificou como “ferramenta indispensable” para conseguir máis alcaldías progresistas, dado que o seu funcionamento deu un xiro radical fronte ao que facía o Partido Popular. “Antes a Deputación era moi presidencialista. Simplemente había que falar co presidente para pedir cartos e se eras do seu partido dábanchos e se non, non”, criticou. Formoso destacou a “revolución” que fixo o PSdeG na Deputación Provincial, con medidas como a posta en marcha do Plan Único que democratiza as contías que perciben os concellos mediante criterios obxectivos, ou os plans de emprego que permitirán en catro anos xerar 13.000 postos de traballo.

“É imprescindible inspirar á xente”

O precandidato pontés subliñou a conveniencia de que o secretario provincial e o presidente da Deputación sexan a mesma figura, por canto a súa actividade institucional lle permite coñecer con detalle a economía de cada un dos 93 concellos coruñeses, e polo tanto as súas agrupacións, así como cidadáns cun potencial que é importante “captar” para o proxecto socialista. “O contacto permite mellorar os recursos humanos cos que contamos”, recalcou, dado que “é imprescindible inspirar á xente”. “O partido necesita forza, ilusión, captar a persoas e ilusionar aos que xa estades”.

Formoso recoñeceu que os procesos de primarias que establecen os estatutos do Partido Socialista para elixir candidatos, aínda que “moi bos e democráticos”, son “duros, porque non temos a altura de miras para que se fagan sen reproches nin cicatrices”. Augurou, sen embargo, que “algún día outros partidos terán que asumir esta democracia e lidiar con isto, e nese momento nos xa teremos aprendido como facelo”.

De feito, cara ao final da súa intervención González Formoso aclarou que, “de todos os que se presentan, se algún outro gaña ben gañado está, porque son compañeiros aos que nos une unha visión ideolóxica, que se quedaron aquí cando moita xente se foi na moda de unirse a Podemos”.

Manolo Mirás agradeceulle a Formoso a súa visita aos Socialistas de Oroso en coincidencia coa súa Asemblea Xeral, e manifestou o seu desexo de que gañe “na primeira volta das primarias, o próximo 17 de decembro”.

Deixa un comentario