O xulgado dá carpetazo outra vez a unha denuncia de Siverio e do PP contra Manolo Mirás

O secretario xeral dos Socialistas de Oroso, Manuel Mirás, aínda explicaba no Encontro na Penateixa celebrado hai uns días o lamentable costume da oposición de denuncialo de forma infundada coa finalidade de difamar o seu labor como alcalde. Onte fíxose pública outra sentencia que refrenda as súas palabras, posto que a Audiencia Provincial da Coruña desestimou o recurso de apelación interposto contra unha sentencia previa que eximía a Manolo Mirás do delito de prevaricación polo que fora denunciado por Siverio Mirás, portavoz de Son de Oroso-ANOVA, e por Manuel García Lameiro, persoa moi achegada ao PP local. De feito, a sentencia mesmo sinala a intencionalidade política da denuncia: “En definitiva o que tamén se pon de manifesto son diversas discrepancias ou cuestións por motivos políticos en canto ao funcionamento do Concello pero iso non permite inferir a infracción penal”, expón literalmente.

Un erro administrativo no proceso de pago do arranxo dunhas ventás no CEIP de Sigüeiro foi a excusa aproveitada polos recurrentes para presentar a denuncia contra o alcalde, quen xa ten ido declarar ao xulgado en numerosas ocasións en situacións semellantes, e co mesmo ausente fundamento. Unha vez máis a Xustiza deixa claro que non houbo prevaricación algunha.

O auto da Audiencia Provincial reitera o exposto na sentencia previa, que considera “razonable” en virtude das “dilixencias practicadas” durante a investigación e baseándose nas “declaracións dalgúns dos investigados”. Explica o tribunal de forma detallada que durante todo o proceso de adxudicación e pago da obra a empresa designada foi Sistemas Aluminios Landeira SL, se ben no decreto de Alcaldía de aprobación e compromiso de gasto por erro figura como nome da empresa Aluminios Landeira SL.

Ningunha infracción penal

A Audiencia Provincial aclara que “non pode apreciarse ilegalidade” na aprobación deste decreto, por canto xa fora aprobada a proposta na que figuraba o nome correcto da empresa (Sistemas Aluminios Landeira SL) e fora aprobada a factura emitida por quen efectuara a obra. “En consecuencia non pode entenderse a concorrencia do delito de prevaricación e por consecuencia tampouco doutros tipos delictivos como sosteñen os apelantes”, cuxa argumentación “non fundamenta a apreciación de ningunha infracción penal”, di o tribunal.

Como é lóxico, Manolo Mirás está moi satisfeito co auto da Audiencia Provincial, se ben non tiña dúbidas sobre o seu resultado, dado que a actuación do goberno local faise con rigoroso respecto á legalidade. Ao seu xuízo esta sentencia “demostra unha vez máis que por desgraza a veciñanza de Oroso conta cun labor de oposición indigno, porque a oposición está máis preocupada por buscar cousas para intentar propagar bulos nos medios de comunicación que de levar ao debate no pleno propostas de real interese para o concello”.

Deixa un comentario