Os Socialistas de Oroso chaman á unidade ante os tres precandidatos no Encontro na Penateixa

_DSC0511-web

A tradicional festa que organizan anualmente os Socialistas de Oroso converteuse hoxe un ano máis nun punto de encontro das principais referencias políticas do partido, nesta ocasión coa participación dos tres precandidatos ás primarias autonómicas: Gonzalo Caballero, Juan Díaz Villoslada e Xoaquín Fernández Leiceaga. A ocasión foi aproveitada polos Socialistas de Oroso, con Manolo Mirás á cabeza como anfitrión, para facer un chamamento á unidade do partido, “no que non hai pelexas”. “Aquí temos a proba, porque aquí están os tres precandidatos con nós, falando tranquilamente”, destacou. De feito, Manolo Mirás aproveitou a circunstancia para presentalos ao conxunto dos veciños e veciñas presentes, que sumaban máis de 400 persoas na ateigada carpa disposta para o evento na Área Recreativa da Penateixa.

A presenza dos tres precandidatos foi agradecida especialmente pola encargada de presentar o encontro, a secretaria de Organización da agrupación local, Vanesa Boo, quen resaltou a vontade da festa orosá de ser un foro de amistade e de “motivación para seguir traballando”. A continuación interveu Antonio Leira, deputado provincial e secretario de Comunicación dos Socialistas de Oroso, quen tamén tivo palabras de agradecemento para a veciñanza, dado que “Oroso sempre responde”, dixo.

Leira salientou a sorte de contar no PSdeG con “tres candidatos magníficos, de enormes cualidades e saber, que nos poden conducir a onde ten que estar o Partido Socialista: na Xunta de Galicia”. Antes e darlle paso ao secretario xeral, pediulles directamente “unidade”, así como “un proxecto para toda Galicia”.

“O PP está podando dereitos”

Manolo Mirás recordou que “o PP está podando dereitos en todo, na sanidade, na educación”. “Ten que haber un cambio, e ese cambio pasa por Pedro Sánchez”. O alcalde de Oroso pediu á veciñanza para as eleccións autonómicas e xerais o mesmo apoio recibido nas municipais, porque “España necesita unha pasada pola esquerda”.

O rexedor local recordou que o Partido Socialista fixo posible o cambio da vida de moita xente, como é no caso de Oroso, cumprindo o prometido e traballando para o conxunto de todos, centro e parroquias. “temos o 60% do programa cumprido, e aínda quedan obras pendentes que van ser unha realidade, como o auditorio ou o novo campo de fútbol”.

Transporte metropolitano

Manolo Mirás adiantou que se está a traballar a fondo nun dos problemas que máis preocupan á cidadanía orosá, que é o transporte metropolitano, da man dos concellos da comarca. “Antes de que acabe este mandato vamos a mellorar o transporte metropolitano, poñendo contra as cordas á Xunta de Galicia, porque ten que poñer diñeiro para que o transporte metropolitano funcione”, resaltou.

Contrapuxo o traballo socialista ao labor da oposición, á que acusou de querer conseguir a través de denuncias impropias nos tribunais o que non é capaz de facer con traballo político lexítimo. “Levo 30 anos en política e nunca denunciei a ninguén. E sen embargo tiven que ir vinte veces declarar. A última denuncia foi por poñer unhas ventás no colexio, cousa que tiña que ter feito a Consellería de Educación. O día que fun declarar viñeron todos os medios, mandados polo PP. Parecíalles que tiñan aquí a Gürtel, pero non, a Gürten son eles”, relatou.

Podes ver todas as imaxes desta fantástica xornada festiva pinchando aquí.

Deixa un comentario