Doval, dedicado a mentir nas redes sociais no canto de presentar iniciativas útiles

O secretario de Comunicación do PSdeG orosán, Antonio Leira, lamenta que o líder do principal grupo da oposición, Alexánder Doval, se dedique “a mentir nas redes sociais co propósito de crear polémicas interesadas sen atreverse a presentar iniciativas para debater no pleno”.

Os Socialistas de Oroso apreciamos como nas últimas semanas o PP local está difundindo mensaxes cun elevado nivel de falsidade a través dos seus espazos nas redes sociais. Antonio Leira critica que Doval se dedique a “difundir medias verdades, que no fondo son grandes mentiras co propósito de crear polémicas interesadas e confundir á veciñanza”. Leira contrapón esta actitude coa absoluta carencia de iniciativas por parte do PP na última tempada, na que non promoveu practicamente ningunha proposta para o seu debate no pleno da Corporación.

O tamén portavoz do Grupo Municipal Socialista atribúe esta actitude “á incapacidade do señor Doval para debater, posto que se comprobou que é un concelleiro para o escaparate, con continente pero baleiro de todo contido”. Por iso lémbralle a Doval obriga de exercer o cargo público que desempeña “con dignidade e responsabilidade”. O comportamento actual de Doval “é unha falta de respecto á veciñanza, en especial á que lle votou, e tamén á corporación municipal, á que lle furta a posibilidade de tratar, mediante o debate democrático, cuestións que poidan ser de interese xeral”, enfatiza.

Exemplos das mentiras

Unha mostra recente da actitude desleal e pouco digna do portavoz do PP son os comentarios divulgados nas redes sociais sobre os vados municipais. “Sexa por ignorancia ou sexa por mala fe, o señor Doval amosa un preocupante descoñecemento da situación e o mínimo que debería facer é presentar unha pregunta no Concello para recibir a información pertinente ou debater o asunto en pleno”, explica Leira.

O portavoz do goberno manifesta que non se pode “dicir con tanta lixeireza que existe un ‘afán recadatorio’ cando é unha materia que só supón 2.000 euros anuais de ingresos ao Concello, nin se pode mesturar coa prestación dun servizo de guindastre cando este non resulta obrigatorio, aínda que o Concello estea xestionando a habilitación dun”. “O señor Doval –agrega Leira- debería preocuparse por contrastar previamente os datos, a non ser que a súa intención sexa confundir a cidadanía”.

Leira puntualiza que “preto do 90% dos concellos de Galicia teñen ou tramitan vados, se ben non máis aló do 20% ten servizo de grúa”. “En calquera caso Oroso xa fixo unha proposta na Mancomunidade hai tempo que non prosperou, e seguirémolo intentando”, andianta.

 Nunha liña moi semellante, o portavoz do PP ten feito comentarios sobre unha senda peonil acometida no municipio, con acusacións ao Concello pola presenza de postes telefónicos e eléctricos. En realidade, é unha obra da Deputación que cumpre todas as obrigas técnicas, aspecto que Alexander Doval prefire obviar. Tampouco amosou interese por saber que xa se xestionou unha solución coas empresas responsables dos tendidos. “Resulta moi hipócrita presentar un escrito no Concello sobre este tema para intentar acadar repercusión pública, e á hora da verdade fuxir do seu debate no pleno”, valora Antonio Leira.

Asemade, o responsable de Comunicación dos Socialistas de Oroso recorda que “a senda de Falmega foi retomada nesta lexislatura polo goberno provincial despois de tela aparcada o PP, e seguirán ampliándose os seus quilómetros en breve”, destaca.

 Necesidade dunha rectificación pública

O portavoz do Goberno lembra por último que Oroso aínda agarda as desculpas públicas do concelleiro do PP cando sostiña que as obras do enlace sur da AP-9 avanzaban, cando era evidente que o Ministerio de Fomento as tiña paralizadas. “É necesaria unha rectificación pública do señor Doval, para dignificar a política e para que no día de mañá, se quere seguir ostentando cargos públicos, non se lle volvan en contra as súas propias afirmacións”, conclúe Leira.

Deixa un comentario