Este venres, España Directo percorre o Camiño Inglés por Oroso

O Camiño Inglés ao seu paso pola Ponte Ulloa

O Camiño Inglés ao seu paso pola Ponte Ulloa

O programa España Directo de Televisión Española está a emitir unha serie de espazos nos que o Camiño Inglés é o protagonista. Se ben todas as citas desta semana son recomendables, debemos chamar a atención especialmente sobre o programa que será emitido este venres, día 11, porque incluirá unha reportaxe centrada no tramo que pasa polo municipio de Oroso.

O Camiño Inglés é un dos principais atractivos turísticos da provincia da Coruña, e iniciativas coma a de España Directo contribúen a difundir a riqueza patrimonial e paisaxística dos concellos polos que pasa esta ruta cara a Compostela. Cómpre destacar que o Camiño Inglés (denominado así pola grande afluencia de peregrinos que chegaron das illas Británicas) era unha ruta descoñecida ata hai ben pouco tempo.

De feito, o Concello de Oroso foi o editor dunha das primeiras guías locais de todos os municipios polos que discorre a ruta. O libro Os Camiños Antigos do Concello de Oroso. Guía do Antigo Camiño Real ou “Inglés”, do ano 1996. Esta obra inclúe información e documentación que está plenamente en vigor nos nosos días, debido a que a descrición que se realiza do camiño coincide co último trazado delimitado pola Xunta de Galicia no ano 2014, que aínda está sen sinalizar. Este mesmo ano tamén o Concello de Oroso publicou a primeira guía bilingüe galego-inglés sobre a ruta: Descrición do Camiño Inglés da Coruña a Compostela, de Manuel Pazos e Trese Barton.

Ambos traballos divulgativos son perfectos para coñecer máis sobre este atractivo turístico do que temos a sorte de que Oroso tome parte. Pero seguro que a reportaxe de España Directo será do teu agrado e dos teus achegados. Non a perdas, este venres ás sete e media da tarde, en Televisión Española.

Deixa un comentario