Os Socialistas de Oroso esixen a Fomento que acabe co despropósito administrativo do enlace da AP-9 de Sigüeiro

Imaxe de Xoán A. Soler publicada onte por La Voz de Galicia

Imaxe de Xoán A. Soler publicada onte por La Voz de Galicia

Cando as obras do enlace sur da AP-9 en Sigüeiro levan xa rematadas desde finais de maio, a nosa localidade segue a sufrir o retraso da apertura desta infraestrutura viaria e de novo por cuestións burocráticas, tal como foi informado o Concello de Oroso polo Ministerio de Fomento. Como non podía ser doutra maneira, os Socialistas de Oroso esiximos a Fomento que poña en funcionamento de forma inmediata o enlace, e remate así coa cadea de despropósitos administrativos que fixo que a apertura deste vial leve máis dun ano e medio de retraso.

O alcalde e secretario xeral da nosa Agrupación Socialista, Manuel Mirás, xa ten anunciado que desde o Concello serán tomadas as medidas que se estimen oportunas para conseguir a posta en marcha desta infraestrutura fundamental para a mobilidade da nosa veciñanza. Mirás lamenta que “todo volva a estar parado por mor dun novo problema entre funcionarios do Ministerio de Fomento. Agora chega o mes de agosto e non podemos aguantar que a situación se prolongue por máis tempo, polo que se isto non se resolve nesta próxima semana, teremos que tomar medidas de presión”.

Os Socialistas de Oroso secundarán as medidas de protesta que se poidan chegar a tomar, posto que Mirás considera que ” o malestar entre a veciñanza de Oroso está crecendo”. O alcalde destaca que hai voces na vecindade suxerindo que se faga unha concentración de protesta e mesmo iniciativas a prol de organizar unha caravana para ir retirar os conos e así poder utilizar xa a infraestrutura. “Confío en que os responsables recapaciten e simplemente poñan en servizo unha obra que leva dous meses rematada. De non facelo, eu o interpretaría como unha grave falta de respecto non só ao Concello de Oroso senón a toda a cidadanía”, considera Mirás, opinión compartida plenamente pola Agrupación Socialista orosá.

Deixa un comentario