O Plan Único da Deputación da Coruña inxecta 71 millóns de euros aos concellos coruñeses

plenoplanunico1

O pleno da Deputación da Coruña aprobou, por unanimidade de todos os grupos políticos, os investimentos incluídos no Plan Único de Concellos (POS+ 2017), un novo programa destinado aos 93 municipios coruñeses que unifica os diferentes programas existentes ata agora (o POS, o PAS e o PAI) e 11 liñas de subvencións nunha única convocatoria anual, que distribúe con criterios obxectivos o maior orzamento contemplado nun plan na historia da institución provincial.

A corporación provincial deu luz verde esta semana a investimentos incluídos no Plan Único por un importe total de 70.898.945,01 euros na totalidade dos concellos coruñeses, dos que 67.200.274,83 corresponden á achega provincial e 3.698.670,18 a achegas municipais.

Segundo apuntou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, o 56 % dos fondos aprobados hoxe ( 39.767.109,67 €) destinaranse a financiar 354 obras e subministracións que contribuirán a mellorar as infraestruturas e equipamentos municipais. Na relación de obras aprobadas figuran 166 melloras en accesos a núcleos, 60 pavimentacións de rúas, 38 obras nas redes de sumidoiros, 25 actuacións en instalacións deportivas e 14 en parques públicos dos concellos coruñeses, entre outros traballos.

81 concellos destinarán parte dos fondos a financiar gasto corrente

Oitenta e un concellos coruñeses optaron por destinar un total de 21.675.284,65 euros (o 30,5% do orzamento do plan) para financiar gasto corrente nos seus municipios. O gasto corrente supón financiar os recursos humanos e materiais necesarios para o adecuado funcionamento dos servizos municipais básicos, apuntou González Formoso, que sostivo que grazas a estas axudas provinciais os concellos coruñeses sufragarán gastos que inclúen dende servizos como a axuda no fogar ou a recollida de lixo a cuestións fundamentais como o mantemento do alumeado e de parques e espazos públicos.

8,5 millóns para sanear economías municipais

O presidente da Deputación subliñou tamén que un total de 8.547.114 euros, o 12% do total dos fondos do Plan Único aprobados hoxe, “contribuirán a reducir a débeda con empresas e entidades financeiras dos concellos coruñeses”. Trátase dun dos obxectivos estratéxicos deste novo programa, que pretende axudar a sanear as economías municipais nun prazo de dous anos.

Corenta e catro concellos coruñeses amortizarán este ano 5.461.214 euros da súa débeda con entidades financeiras grazas ao Plan Único, continuando así o importante labor de saneamento das contas municipais iniciado co Plan de Aforro e Investimento (PAI), que nos últimos dous anos (2015 e 2016) permitiu reducir a débeda dos municipios coruñeses cos bancos en 17,1 millóns de euros a través de préstamos provinciais sen xuros, con dous anos de carencia e un prazo de devolución de dez anos.

Un total de 24 concellos destinarán ademais 3.085.899,71 euros ao pago de facturas pendentes, o que contribuirá a reducir o período medio de pago a provedores dos municipios coruñeses.

Co 1,5% restante dos fondos do Plan Único, 13 concellos da provincia optaron por usar parte da súa asignación para financiar achegas a outros plans por importe de 812.247,38 euros, mentres que 8 concellos acometerán a redacción de 32 proxectos con achegas da Deputación por importe de 97.188,92 euros.

Máis autonomía para os concellos

O novo Plan Único de Concellos (POS+ 2017) ofrece aos concellos maior autonomía e flexibilidade á hora de decidir en que investir os recursos asignados pola Deputación, dando resposta á situación e necesidades concretas de cada municipio.

Ademais, o plan parte dun premisa fundamental: a total transparencia e obxectividade na asignación de recursos, ao basearse nas mesmas variables ponderadas que dende hai máis de 25 anos se veñen usando para o reparto de fondos POS (poboación, extensión do municipio, número de parroquias, esforzo fiscal..), polo que os concellos contarán cunha fonte de financiamento local estable, que lles permitirá coñecer de antemán con que fondos contan en cada exercicio e planificar mellor os seus investimentos.

Intervencións dos grupos

Na rolda de intervencións, o deputado responsable da área de Plans provinciais, Xosé Regueira, agradeceu o traballo realizado polos concellos e os funcionarios da Deputación para activar este primeiro Plan Único, que supón un importante “cambio de modelo” e ao que definiu como “o plan máis grande de calquera Deputación do Estado”.

Regueira considerou que as 354 obras incluídas nel “son unha boa nova económica para a provincia” e subliñou que a Deputación incrementará o orzamento do plan con cargo aos remanentes do exercicio anterior, a través dun plan complementario que xa conta con 20 millóns de euros en solicitudes municipais.

O portavoz de Compostela Aberta, Manuel Dios, destacou a “colaboración, lealdade e aposta por dinamizar a relación cos concellos” do seu grupo e manifestou a súa satisfacción cos 1,7 millóns de euros que o Plan Único destina a Santiago de Compostela “e que serán investidos onde o concello decide, onde máis se precisa, sen premios ou castigos por afinidades políticas”.

Tamén o portavoz de Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío, destacou a importancia “dunha política rexida por criterios obxectivos” e cualificou o Plan Único como “un proxecto central de mandato”, que debe complementarse tamén con avances noutras materias como a participación cidadá ou a mobilidade.

O portavoz de Alternativa dos Veciños, Ángel García Seoane, sostivo que “moitos concellos o único recurso que teñen é este que lles dá a Deputación” e manifestou a disposición do seu grupo “para construír, para mellorar este país”.

O voceiro do PP, Agustín Hernández, anunciou o voto favorable do seu grupo aos investimentos incluídos no Plan Único, pero criticou o atraso na súa tramitación e reiterou a postura do seu grupo á hora de solicitar que o plan supere os investimentos da Deputación durante o pasado ano.

“Teña a seguridade de que os concellos van recibir, como mínimo, a mesma cantidade que o ano pasado”, apuntou o voceiro do PSdeG-PSOE, Julio Sacristán, que sostivo que “todos os alcaldes, incluídos os do PP, están encantados co Plan Único”, pois “dálles unha seguridade tremenda para elaborar os orzamentos”, ao coñecer de antemán os recursos cos que contarán.

Deixa un comentario