“Incorporarei un aforro de 600.000 euros co remanente aos vindeiros orzamentos”

entrevista El Correo

Reproducimos a continuación a entrevista de Brais Villar ao alcalde de Oroso, Manuel Mirás, publicada por El Correo Gallego o 2 de marzo de 2017. (Foto: El Correo Gallego).

Cales son os principais proxectos do equipo de goberno para o que resta de lexislatura?
Construír un auditorio e un campo de fútbol en Oroso, así como levar a auga potable a todos os núcleos de poboación e dotar de saneamento á gran maioría das localidades. En cultura queremos dar un salto de calidade, construíndo ese auditorio que levabamos no noso programa. E seguiremos mellorando as instalacións deportivas, xa que son moitos os veciños e veciñas que practican algún deporte. Tamén queremos implementar as actividades lúdicas e de conciliación, queremos facer a rotonda da praza da Foca en Sigüeiro para que o tráfico sexa mais fluído e eliminar os semáforos (doutras administracións remate do enlace da AP 9 e as concentracións parcelarias que están en execución).

As grandes prioridades do Concello a curto prazo son…
Rematar neste ano 2017 a construción do novo campo de fútbol de Oroso e facer varias sendas peonís, como as que acometeremos en Senra, Gándara e O Barreiro e Bouzalonga, así como rematar a da Falmega, que a fará a Deputación coruñesa. En total, máis de 375.000 euros a investir.

Que demandan os cidadáns e en que medida o Concello lle pode dar resposta?
Unha cousa que levan tempo demandando os nosos veciños é a piscina cuberta. Estamos facendo números para poder cumprir esa petición e podo adiantar que poderemos cubrila, pero aínda temos que estudar se poderemos climatizala para podela ter aberta todo o ano. Nestes momentos, o meu compromiso é cubrir a piscina de Sigüeiro. Despois veremos se podemos climatizala porque, como dixen moitas veces, eu non farei inversións que non sexan sostibles económicamente no tempo.

Que agarda e pide á Xunta de Galicia?
Á Xunta pídolle que se implique con Oroso ao igual que fai cos demais concellos, independentemente da súa cor política. Agora mesmo, Oroso ten importantes temas pendentes coa Xunta. En primeiro lugar, hai varios abastecementos e saneamentos pendentes e que se están facendo co esforzo do Concello, porque os cartos que lle pagan os veciños á Xunta a modo de canon da auga non están repercutindo en Oroso. Tamén temos pendente a aprobación dun importante proxecto medioambiental e de ocio como é a Senda do Tambre, dende Sigüeiro a Porto Avieira. E levamos tempo pedindo da Xunta un investimento na depuradora de Sigüeiro, que precisa cando menos de 250.000 euros para depurar ben as augas residuais. Espero que a Xunta estea á altura das circunstancias e que Feijóo sexa o presidente de todos os galegos e non só daqueles concellos nos que goberna. E eu podo falar con claridade sobre isto porque na actualidade son vicepresidente da FEGAMP e a nosa colaboración dende esta institución de concellos, onde os socialistas somos maioría, é leal tanto coa Xunta de Galicia como con todas as institucións, sen esquencer aos concellos, sempre sen reparar en cores políticas.

En que medida pode contribuír ao desenvolvemento do concello a Deputación da Coruña? A Deputación está cumprindo perfectamente. Se os fondos que xa chegaron nestes meses seguen manténdose entre 2017 e 2019 poderemos dicir que cumpririamos todas as nosas expectativas. Agora imos presentarlles o proxecto para facer a Vía Verde entre Santiago-Oroso-Ordes-Tordoia-Cerceda, do que nós fomos os primeiros en reivindicala hai xa 12 anos e seguimos sendo os seus principais valedores.

Responden a sociedade civil e as forzas vivas de Oroso ás propostas que propón o Concello? Hai enfrontamento institucional?
Como alcalde considero que é unha obriga ter unha boa relación. E penso que en Oroso o entendemento é moi bo coa cidadanía en xeral e tamén coas asociacións culturais e deportivas, cos maiores, coas asociacións de veciños… Puidemos ter algunha tirantez con algunha entidade que está moi politizada, pero teño que dicir tamén que, como alcalde, é a miña obriga superar esas diferenzas. Son o alcalde de todos os veciños e veciñas de Oroso e teño que estar por riba desas diferenzas ideolóxicas e darlle unha resposta ás necesidades dos veciños e das asociacións. Por iso asinamos convenios de colaboración coas entidades deportivas e culturais das que se está beneficiando a nosa veciñanza a través de pasacalles, concertos, campionatos, exhibicións… Pero tamén fixemos un investimento moi importante nos últimos anos en mellorar as distintas instalacións deportivas e locais sociais. Por certo, temos pendente o local social de Oroso, pero estamos buscando un novo emprazamento xa que onde o queriamos facer prexudicaríamos a un veciño.

De que orzamento dispón para o exercicio e cales son as principais liñas de actuación?
Aínda non temos aprobados os orzamentos de 2017 porque, ao haberse atrasado os orzamentos xerais do Estado e da Xunta, non tiñamos todos os datos exactos para facelos. Sempre me gustou facer orzamentos realistas e este ano seguimos con esa liña de responsabilidade, pero podo adiantar que xa están moi avanzados e que en breve os levaremos a pleno. Segundo os datos preliminares da liquidación do ano pasado, podemos dicir que temos un remanente positivo de tesourería superior aos 600.000 euros, é dicir, un aforro que este ano vai ser incorporado ao orzamento e que redundará en máis obras e servizos aos veciños e veciñas. Polo demais, as liñas de actuación son as mesmas de sempre: facer melloras para a cidadanía. Así, neste ano irán proxectos que xa mencionei como o campo de fútbol, a cubrición da piscina municipal, o asfaltado de estadas en todas as parroquias, onde investimos máis de medio millón de euros no rural, e varios proxectos de abastecemento e saneamento, melloras nos locais sociais e sendas peonís, pois seguimos coa mesma idea que tiñamos cando fixemos a primeira senda: que todas as parroquias estean conectadas coa capital municipal a través de senda peonil.

Que espiña ten espetada por non poder cumprir co que lle gustaría?
Teño dúas. A primeira é o polígono empresarial San Martiño II, onde había varias empresas interesadas en instalarse. A crise non permitiu facelo e as empresas terminaron desistindo do proxecto ou instalándose noutros polígonos. A segunda é non poder facer un IES de Bacharelato en Sigüeiro pero, segundo as autoridades educativas autonómicas, sería un despilfarro porque Oroso está moi preto de Santiago de Compostela.

Que opinión lle merece o traballo da oposición? É dialogante ou entorpece a acción do Goberno?
Temos dúas posturas contrapostas. Nunha banda está o BNG, que fai unha oposición construtiva, consistente e implacable, pero leal a Oroso. E despois temos unha oposición destrutiva liderada, non polo Partido Popular, senón por Siverio Mirás, que sacou da manga un alumno avantaxado como é Álex Doval, voceiro do PP. Son desleais, falsos e non lles importa nada de Oroso, só están obsesionados con quitarme a min da Alcaldía.

A súa opinión sobre o funcionariado?
Penso que é digno de destacar o traballo que fan non só os funcionarios, senón tamén do persoal laboral, de Protección Civil, Policía Local… E non é só a miña opinión, senón que cada certo tempo se fan enquisas sobre valoración dos funcionarios e os traballadores de Oroso sempre saen moi ben parados, porque é algo que se percibe dun xeito meridiano no día a día.

Que pegada aspira a deixar tralo seu mandato como alcalde? Como lle gustaría ser lembrado?
Que me lembren como un veciño máis, que pasou pola Alcaldía e que todo o que fixo foi para que o desfrute a cidadanía e para mellorar a calidade de vida. Que valoren os acertos e perdoen os erros que en todo traballo se cometen.

Se puidera cumprir tres desexos en favor dos cidadáns, cales serían?
En primeiro lugar, traballo para todos e todas. De aí a espiña de non poder facer o polígono industrial. Despois, moita saúde e que desfruten deste concello, un municipio precioso cunha gran riqueza paisaxística, unhas xentes acolledoras, nunha das mellores situacións xeográficas de toda Galicia e cun diamante en bruto que é o Camiño Inglés que, xunto coa Senda Verde, nos pode dar moitos beneficios.

Deixa un comentario