O PSOE duncia que os recortes da Xunta deixan sen servizo de prevención de drogas a máis de 1.500 mozos e mozas da Comarca de Ordes.

PSOE Comarca

O desmantelamento do servizo de prevención de drogodependencias na comarca de Ordes por mor do recorte de axudas da Xunta de Galicia deixará sen este importante servizo a máis de 1.500 rapaces e rapazas da comarca de Ordes. Así o denunciaron esta mañá en Ordes representantes dos grupos municipais socialistas de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, que anunciaron que presentarán mocións plenarias en todos os municipios a prol do mantemento dos servizos sociais na comarca.

O coordinador comarcal do PSOE e concelleiro de Educación e Servizos Sociais de Oroso, Antonio Leira, denunciou que “a Xunta desmantelou o servizo de prevención de drogodependencias ao igual que fixo co programa Preescolar na Casa, pois elimina as subvencións e déixalle a pataca quente aos concellos, que non poden asumir este tipo de gastos. Sobre todo cando a propia Xunta recorta nun 89% a súa achega ao mantemento dos servizos sociais que está obrigada a prestar e o Estado nos recorta outro 66%”. Unha realidade que fai que Leira Piñeiro asegure que “auguramos un 2013 realmente dramático polo progresivo desmantelamento das políticas sociais que están facendo dende a Xunta e o Goberno central. A realidade é que os servizos sociais están sufrindo o maior hachazo na política de recortes, onde os concellos se atopan con menos profesionais, menos servizos e máis demanda de cidadáns”.

Recortes en prevención

Un punto no que coincidiu a concelleira de Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira, quen denunciou que “os concellos da comarca de Ordes non podemos asumir o custe do servizo de prevención de drogodependencias”. E máis despois de teren asumido o ano pasado dúas anualidades do servizo de Axuda no Fogar, posto que a Xunta decidiu en novembro de 2011 que non achegaría a subvención correspondente ao 2012 e que tampouco abonaría a de 2011, cando o investimento e o programa xa estaba feito.

María Viqueira lembrou que “a prevención é fundamental en materia de drogodependencias. O que está facendo a Xunta é pan para hoxe e fame para mañá, pois se non investimos en prevención, teremos que investir en tratamentos a drogodependentes”. Neste sentido compre indicar que o servizo de prevención de drogodependencias, prestado de xeito mancomunado nos sete concellos a través da Mancomunidade de Ordes, atendía anualmente a máis de 1.500 rapaces e rapazas da comarca de Ordes. Así, durante o último trimestre de 2012, o programa de prevención de drogodependencias chegou a un total de 1.509 rapaces e rapazas:  563 de Oroso, 420 de Ordes, 162 de Cerceda, 116 de Mesía, 100 de Trazo, 92 de Tordoia e 56 de Frades.

Actuacións

Diante desta inxusta situación, os socialistas presentarán mocións plenarias en toda a comarca “nas que instaremos á Xunta a que clarifique quen vai a prestar os servizos sociais pois primeiro dixeron que o farían as Deputacións e agora as Deputacións volven a pasarlle a pelota a Xunta. E son os cidadáns os que están a sufrir esta indefinición”, explica o secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira.

Pedreira Mirás adianta que esa moción “instará á Xunta e á conselleira de Servizos Sociais a que manteñan os servizos sociais que actualmente se están a prestar á cidadanía”, aínda que que ten poucas esperanzas xa que “os orzamentos aprobados hoxe pola Xunta son similares aos de 2005, co que iso supón de redución para os servizos sociais básicos”.

Na rolda de prensa desta mañá estiveron presentes*: Beatriz Domínguez Siaba, voceira do PSOE de Trazo; Antonio Leira Piñeiro, coordinador comarcal do PSOE e concelleiro de Educación e Servizos Sociais de Oroso; Xesús Pedreira Mirás, secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes; Pilar Sánchez Ulloa, concelleira de Educación, Cultura, Muller e Xuventude de Mesía; María Viqueira, concelleira de Servizos Sociais de Cerceda; e Aurelio García Portos, representante socialista de Frades.

Deixa un comentario