Entrevista a Vanesa Boo, Secretária de Organización do PSdeG-PSOE de Oroso.

Vanesa BooChama especialmente a atención a entrada de catro mozos e mozas orosáns na Executiva, que practicamente baixou a media de idade á metade. Que podedes achegar estas novas incorporacións?
Dende o meu punto de vista podemos achegar novas ideas e ao mesmo tempo introducirnos nunha aprendizaxe para dar continuidade á Agrupación Socialista de Oroso. O feito de involucrar á xente nova pode ser un bo reflexo cara á xuventude de hoxe en día, que en xeral se mostra descontenta coa política e cos políticos, para facerlles ver de algún modo que se pode facer algo e loitar por conseguir un futuro mellor.

Falabamos antes de que sorprende a xuventude da Executiva do PSOE de Oroso, sobre todo nun contexto no que se adoita dicir que á mocidade non lle interesa a política. Pensas que é así?
Actualmente, como ben dicía, atopámonos nun momento no que hai unha actitude xeneralizada da sociedade de insatisfacción cara á política. En certa medida, o descontento da mocidade vese agravado, posto que non se ve representada pola clase política e factores como o desemprego acentúan máis isto.

Ocupas un cargo especialmente importante como é a Secretaría de Organización. Como afrontas esta responsabilidade?
Afróntoo con moito entusiasmo e con moitas ganas de realizar esta función, que me permitirá achegar cousas novas á Agrupación e ao mesmo tempo me servirá para adquirir unha formación dende a base.

Ademais, canda o secretario xeral Manuel Mirás, es a representante no Comité Provincial. Que valoracións fas da recente elección de Francisco Caamaño como secretario xeral e que pode supoñer para o partido socialista na provincia?
A miña valoración deste nomeamento é moi positiva. Francisco Caamaño, na miña opinión, é un gran político, con ampla experiencia no mundo da política, e ao mesmo tempo é unha persoa que se mostra próxima e como galego que é preocúpase polos intereses de Galicia.

Que podedes achegar a esta etapa na agrupación orosá?
Todo o apoio posible. Penso ademais que para os veciños e veciñas de Oroso a Agrupación socialista, e máis concretamente o equipo de goberno actual liderado por Manuel Miras, demostrou ser un bo exemplo de como saber xestionar os recursos e manter por encima de todo servizos fundamentais, como son aqueles que atinxen ao estado de benestar, a cultura, o ensino, o deporte…

Pensas que as redes sociais e as novas tecnoloxías en xeral son os novos mitins nunhas eleccións?
Non. As redes sociais e as novas tecnoloxías son un magnífico complemento á hora de poder chegar á cidadanía, sobre todo á poboación máis xuvenil, e tamén unha boa ferramenta coa que traballar para conseguir un partido máis aberto, pero en ningún caso debemos substituír o contacto directo coa xente.
Entendo que entre outras moitas cousas a base dunha boa política reside no contacto cos veciños e veciñas.

Deixa un comentario