“Coa paralización da AP-9, o PP tómalles o pelo aos veciños e prexudica as empresas”

Foto Manuel Miras-pequena para SO

Reproducimos na nosa web a entrevista a Manuel Mirás que Crónicas publica no seu número de agosto, ao que podes acceder aquí.

– Tal como se sucederon os feitos, cre que Fomento e Audasa rematarán algún día o enlace sur da AP-9?

– Si, acabarán. O problema é saber cando. Eu estou moi preocupado porque non hai ninguén no Ministerio de Fomento que nos poida dar unha explicación. Só se dedican a culparse uns aos outros, que se é de Audasa, que se dos técnicos, que se do Goberno en funcións… Como ben dixo o outro día Xaquín Fernández Leiceaga, un Goberno en funcións pode prorrogar a estancia de ENCE en Pontevedra pero non arranxar un modificado en Oroso? Iso non o cre ninguén. O que está claro é que nin Mariano Rajoy nin Alberto Núñez Feijóo teñen vergoña nin respecto polos veciños e veciñas de Oroso. Estanse a rir de toda a veciñanza, incluso dos seus votantes, que nas últimas eleccións lles deron o seu apoio maioritario. E os que máis burla fan son o señor Alexander Doval e o PP de Oroso, aos que se lle debería caer a cara de vergoña despois de estar varios meses negando o que podía ver todo o mundo: que as obras están paralizadas dende outubro de 2015. Coa paralización das obras do enlace sur da AP-9, o PP non só lles están tomando o pelo é aos veciños, empresarios, comerciantes e usuarios da AP-9 e da N-550, que teñen que soportar a diario as molestias dunhas obras que tiñan que estar rematadas hai un ano; senón que están causando un prexuizo económico moi importante ás empresas instaladas no noso municipio e evitando a chegada de novas industrias e máis postos de traballo.

– O xulgado acaba de arquivar a causa polo pago da reparación das ventás do colexio. Que reflexión lle merece?

– O Xulgado confirma todo o que dixemos dende o primeiro momento: que a Xunta de Goberno de Oroso actuou de acordo coa lei. Por iso estaba moi tranquilo, estaba convencido de que ía ser así porque non cometeramos ningún delicto. A sentenza ratifica que o que pasou foi un simple erro humano e que non foi cometido por ninguén deste Goberno. Sei que hai quen se sorprende cando digo que non me alegro polo sobreseemento da causa, pero é que penso que algo coma isto non debería nin ter chegado ao xulgado. E non só o digo eu, tamén o di o xuíz na súa sentenza. O que lamento é o circo mediático que se montou cun caso que nin sequera era digno de ser noticia, pero no que o PP usou de forma partidista os medios públicos para darlle bombo. Viñeron gravar como declarabamos no xulgado, pero ningún veu preguntar cando o xulgado arquivou a causa. Pero, por moito que lles moleste aos nosos adversarios políticos, no Concello de Oroso actuamos con total transparencia e legalidade. Xa o ten ben comprobado o señor Siverio, que agora parece que ten no señor Doval un alumno avantaxado. Pero aos dous lles digo o mesmo: non van poder gañar nos xulgados o que as urnas e os veciños e veciñas de Oroso lles veñen negando todos estes anos.

– Cal é o gran proxecto que debe rematarse neste mandato?

– A cultura e do deporte son dous dos eixos do meu mandato, xunto coa educación. Pero tras conseguir o novo colexio e a nova gardería, o que nos falta é un auditorio e novas instalacións deportivas. Penso que, deixando a un lado Compostela, Oroso ten un programa cultural que ben lles gustaría ter a calquera outro municipio. E, o que aínda é máis importante, estamos descubrindo e fomentando novos talentos locais, veciños que pintan, que escriben, que tocan música… E o centro cultural quedouse pequeno, precisamos dun auditorio onde seguir xuntos facendo pobo. O mesmo pasa co deporte, onde temos case un milleiro de veciños practicando algunha modalidade deportiva. Por iso xa fixemos algúns avances e podo adiantar que xa temos moi ben encamiñado a instalación de dúas pistas de tenis en Sigüeiro e tamén estamos co proxecto do campo de Oroso de céspede artificial, que espero esté listo dentro dun ano. Xa falamos coas outras administracións e teño que salientar a boa sintonía co presidente provincial, o socialista Valentín González Formoso, quen xa puido comprobar sobre o terreo estas necesidades.

– En que situación financeira se atopa o Concello?

– Aprobamos uns orzamentos para 2016 que medran un 21% e que destinan 2,3 millóns de euros a investimentos, é dicir, un 91% máis ca en 2015. Oroso é un concello economicamente sostible. Non é que o diga eu, son os números os que me dan a razón: os ingresos correntes supoñen o 67% do orzamento, mentres que o gasto corrente é do 61%. Noutras palabras, non gastamos o que non temos. Unha situación que mesmo confirma o Ministerio de Facenda, quen di que Oroso é o municipio da contorna que máis pronto paga as súas facturas e que non lle debe nin un euro a ningún provedor. Como o facemos? Pois porque sabemos xestionar. Hai quen anda por aí mentindo e dicindo que aumentamos os impostos e taxas. Iso é mentira. O que pasa é que a nosa boa xestión económica fai que aumenten nun 46% as achegas procedentes da Deputación e da Xunta. Por iso o meu Goberno nin aumentou nin aumentará os impostos e taxas aos veciños. É máis, Oroso ten unha das presións fiscais máis baixas de España: 304,5 € por veciño fronte á media nacional de 516,32 € e á galega de 386,13 €.

– Está satisfeito co avance do polígono industrial?

– Non podo estar satisfeito pois, como dixen antes, a paralización do enlace sur da AP-9 está prexudicando gravemente ás empresas instaladas nos polígonos de Sigüeiro e Oroso Pequeno, ao restrinxir a súa mobilidade. Isto tamén está a prexudicar ao polígono en si mesmo, pois non é igual de atractivo para as novas empresas estar a cinco minutos de Santiago por autopista que a un cuarto de hora por unha conxestionada N-550. Do que si que estou orgulloso é do gran nivel que teñen as empresas que están no noso polígono, moitas delas líderes nacionais e europeos no seu sector e que, ademais, se implican na vida social, cultural e deportiva de Oroso.

– O sector inmobiliario, que representa hoxe na economía de Oroso?

– Unha das cousas das que estou máis orgulloso como alcalde é do PXOM porque foi unha ferramenta que nos permitiu medrar de forma ordenada e dispoñer de espazos para novos equipamentos educativos, como o colexio e a nova gardería, e de ocio, como o parque do Carboeiro. É evidente que o “boom” inmobiliario da primeira dé- cada do século XXI non volverá, polo que o noso obxectivo é revisar o Plan para amplialo onde faga falta e reducilo onde non faga falta para que así os propietarios paguen menos contribución, poidamos recoller todos os núcleos que quedaron fóra en 2005 e programar novos equipamentos onde sexa necesario.

– Na comarca, os socialistas xestionan 3 Concellos. Nos demais, son case irrelevantes. Como se pode reforzar o partido?

– Xa o dixen cando me presentei á Secretaría Xeral do PSdeG provincial, a clave é facer máis partido. E iso conséguese nas agrupacións. Hai que traballar para ter agrupacións fortes para que, cando veñan as eleccións, o candidato teña en cada localidade unha agrupación que o arroupe e traslade a súa mensaxe á cidadanía. Hai que apostar polo municipalismo e facelo de abaixo a arriba, dando máis protagonismo ás comarcas. E iso conséguese con medidas como un Consello Provincial de Alcaldes, para adoptar posturas comúns nos asuntos, e asembleas comarcais abertas ao diálogo e intercambio de opinións entre cargos públicos, cargos orgánicos, militancia e simpatizantes.

– Contempla dar un salto á política autonómica en función dos resultados electorais do 25 de setembro?

– Creo que xa din ese “salto” hai tempo, pois xa teño ocupado varios cargos a nivel autonómico e nacional como a Vicepresidencia da FEGAMP, a representación de Galicia ante da FEMP en asuntos de transporte ou na Executiva do PSdeG. O que pasa é que son alcalde de Oroso e o meu compromiso é cos veciños de Oroso. Eles déronme a súa confianza e as eleccións gáñanse traballando dende o primeiro día. E niso estamos.

– Cre que Fernández Leiceaga pode chegar á Presidencia da Xunta?

– Estou convencido de que Xaquín Fernández Leiceaga é a mellor opción que ten Galicia para afrontar con garantías o seu futuro. Xaquín ten experiencia na administración xa que foi concelleiro en Santiago e fixo una gran labor en economía e mobilidade, tamén foi portavoz do PSdeG-PSOE no Parlamento. É a mellor opción fronte a un Núñez Feijóo que non ten interese por Galicia, que quería irse a Madrid, logo á empresa privada… Pero o certo é que estes últimos anos de Núñez Feijóo foron un desastre xa que non hai ningún sector que mellorara, se mire como se mire.

Deixa un comentario