Artigo de Manuel Mirás sobre a xestión do ciclo da auga nos concellos

A continuación reproducimos o artigo publicado por Manuel Mirás, vicepresidente executivo da Fegamp, na revista desta institución do mes de xullo.

A AUGA É RESPONSABILIDADE DE TODOS

Co paso dos anos, a sociedade cada vez se molla máis en facer un uso responsable da auga. Ese compromiso tamén foi medrando no eido institucional, onde a xestión eficaz do recurso se converteu nun eixo importante de traballo. No caso da Fegamp, nun eixo fundamental. Somos coñecedores de que para acadar resultados notables é fundamental a implicación da cidadanía. Os que traballamos nos concellos temos unha gran responsabilidade, pero tamén unha gran oportunidade, á hora de desenvolver un labor de toma de conciencia colectiva: podemos incidir moi directamente nas percepcións dos nosos veciños e veciñas ao tempo que construímos unha conciencia institucional en torno á auga e ao territorio.

Se ben cada concello ten as súas necesidades en infraestruturas, si que é certo que en xeral a maioría ten unha situación notable. A maior carencia atópase na xestión. Exceptuando os municipios con maior poboación, os máis pequenos non teñen recursos económicos nin técnicos para lograr a eficiencia. Moitas persoas teñen rede de abastecemento, municipal ou veciñal, redes de sumidoiros ou algún sistema de depuración, pero funcionan ou están ben xestionados? En moitas ocasións a resposta é non.

As esixencias sanitarias, a eficiencia requirida, non están ao alcance de moitos concellos, polo que é necesario abordar diferentes modelos de xestión: aproveitar as sinerxias e abor­dar un modelo de prestación dos servizos supramunicipal (a través das variadas fórmulas asociativas existentes) é a clave de mellora, permitindo a integración territorial e o mellor aproveitamento das infraestruturas do ciclo da auga e dos recursos económicos a elas destinados.

Todas as posibilidades de prestación de servizos son viables se están ben xestionadas, e para isto débense establecer uns requi­sitos mínimos: mecanismos de control e fiscalización; sistemas de control de calidade; profesionalización; modelo tarifario que permita a recuperación do custo, a repercusión xusta das taxas e o investimento en renovación; e planificación para facer boa xestión dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración.

O Pacto Local da Auga, asinado en 2013, abre a porta a facer valer a voz dos municipios, a nosa experiencia como xestores públicos e o coñecemento do noso territorio. Neste tempo, o Pacto Local veu desenvolvendo un traballo exhaustivo de análise sobre a xestión do ciclo da auga nos concellos gale­gos, e a estampa revelada di que hai moito por facer, moito coñecemento e prácticas que compartir para acadar a eficacia, a eficiencia e a sostibilidade na xestión da auga. Desde a Fegamp sabemos das dificultades que este proceso entraña, ao ser imprescindible respectar a autonomía de cada concello, a limitación dos recursos económicos, a disposición e a impres­cindible necesidade de cambio de percepción como xestores públicos do valor da auga. Moitos retos por diante, pero con vontade, compromiso e traballo, habémolos ir superando.

Manuel Mirás, vicepresidente executivo da Fegamp e alcalde de Oroso

Revista Vicep. Executivo Auga

Deixa un comentario