Artigo de Manuel Mirás sobre o desenvolvemento do Pacto Local

foto fegamp

O mandato que acaba de comezar  na Fegamp ten que ter fundamentalmente  un denominador común que é nin mais nin menos que o desenvolvemento do Pacto Local. Fai algo máis de nove anos que  a Xunta  e a Fegamp asinaron este acordo. Xa pasou bastante tempo e con todo queda un longo camiño que percorrer para que aquel acordo tan ben valorado por todos dea os froitos que se esperaba del fai case que dez anos. O Pacto Local de Galicia representa en si mesmo moitos dos valores reflectidos na Carta Europea de Autonomía Local.

O pacto subscrito entre  a Xunta e a Fegamp está considerado en toda España e incluso pola comisión Europea como un exemplo de modelo de cooperación a seguir entre administracións públicas.

Na actualidade moitos  temas que se subscribiron e que pertencen á comunidade autónoma aínda están por  resolver. Son moitos os  asuntos, pero  quizás un dos máis salientables sexa a asunción dos Centros de saúde por parte da Consellería de Sanidade. A día de hoxe hai moitos concellos en Galicia pendentes de que a Xunta de Galicia asuma estes custos de mantemento.

Outro aspecto importante é tamén a aclaración das  denominadas “competencias impropias”, aínda que non debería haber “competencias impropias” sempre e cando  estas se conte co financiamento correspondente e suficiente. Os concellos, como administración máis próxima á cidadanía, con frecuencia temos que atender asuntos que corresponden a outras administracións e que os veciños e veciñas  nos  demandan no día a día porque somos os que estamos preto deles.

Por iso, os entes locais facémoslle fronte como podemos, salvando as barreiras administrativas. Desde a Fegamp temos que loitar para que as chamadas “competencias impropias” sexan asumidas pola administración que corresponda  ou que os concellos reciban o financiamento suficiente para poder resolvelas sen ter que botar man de  partidas orzamentarias que terían que ir destinadas ás propias competencias das administracións locais.

Cómpre mellorar o financiamento aos concellos para  que as administracións  locais non dependamos das subvencións, para que no comezo de cada exercizo saibamos con claridade cal é a cantidade de diñeiro que nos corresponde de forma clara e concisa, a simplificación e integración das subvencións e a transferencia automática dos fondos correspondentes ao Plan concertado de servizos sociais.

Despois de mais de trinta e seis anos desde as primeiras eleccións democráticas da administración local, os concellos seguen tendo o peor financiamento de todas as administracións do estado Español, cunha participación nos Ingresos do Estado que non supera  o trece por cento, mentres que as transferencias do Estado ás comunidades autónomas non pararon de medrar dende o ano1983.

Non é xusto que a administración máis pegada á cidadanía, a que mellor xestionou os fondos públicos, a que está menos endebedada e que menos déficit orzamentario ten, a que máis servizos está prestando sobre todo de primeira necesidade, sexa a administración máis pobre de todas e feita a menos polas restantes  administracións do Estado español. E aínda con esta situación os concellos son a administración mellor valorada polos cidadáns.

Por último e para pechar este breve comentario, desde a Fegamp temos que loitar xunto coa FEMP para que desde o Goberno de España se modifique a  Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local. Trátase dunha lei inxusta, regresiva e que non mellora as condicións competenciais nin financeiras dos concellos, máis ben todo o contrario. Espero que o próximo executivo central, sexa da cor que sexa, negocie e pacte con todas as forzas políticas representadas no Congreso dos Deputados, e entre todos elaboren unha nova  lei que sexa xusta cos concellos de Galicia e de España.

Manuel Mirás Franqueira

Vicepresidente executivo da Fegamp

Deixa un comentario