Doval non sabe con quen fala en Fomento e recoñece que non lle contestan

Un instante da sesión plenaria do pasado 28 de xaneiro

Un instante da sesión plenaria do pasado 28 de xaneiro

O líder do PP orosán, Alexánder Doval, deixou de novo patente no último Pleno municipal a súa inoperancia como líder da oposición, así como a pobreza da súa xestión á hora de atender asuntos do interese da veciñanza. No trancurso do debate motivado o pasado 28 de xaneiro por unha moción socialista para esixir a finalización do enlace da AP-9, Doval admitiu ter falado cunha suposta “delegada de Fomento” cuxo nome non recorda, e recoñeceu asemade que agora chama por teléfono e non lle collen, e manda correos que non lle responden.

No Pleno de onte foi aprobada por unanimidade a devandita moción socialista para solucionar “dunha vez por todas” os problemas burocráticos que motivaron a paralización das obras do enlace da autopista. A moción esixe tamén que se constrúa “de forma inmediata” a ponte sobre a N-550 para dar solución aos problemas de seguridade viaria existentes na zona por mor desta obra.

Cómpre recordar que o Ministerio de Fomento anunciara o pasado ano a posta en funcionamento do enlace a finais do mes de agosto de 2015. Esta expectativa de finalización foi anunciada posteriormente para setembro, e despois ata o 15 de outubro. Neste mes o Concello de Oroso presentou ante o Ministerio unha reclamación ao comprobar que as obras ían a ralentí, e que a día 19 de outubro xa non había ninguén traballando nelas.

A pesar dos intentos de negar a realidade tanto do Partido Popular de Oroso, como do PPdeG e  da propia ministra de Fomento, quen mesmo chegou a comprometerse publicamente o 21 de outubro a que as obras estarían rematadas en novembro do pasado ano, o único realmente certo é que desde outubro as obras permanecen paralizadas por “cuestións burocráticas” do Ministerio.

Probas documentais para demostrar as mentiras do PP

O portavoz do Grupo Municipal Socialista, Antonio Leira, tirou de hemeroteca para amosar no Pleno informacións publicadas polo PP acusando ao alcalde, Manuel Mirás, de querer confundir ou mesmo manipular a veciñanza con falsas afirmacións sobre o estado das obras. Leira acusou a Doval de ir “mentira tras mentira” e esixiu ao voceiro popular unha desculpa pública por faltar á realidade durante tanto tempo, negando unha paralización de obras que hoxe, tras meses de retraso con respecto ao anunciado, é evidente.

Pero Doval, lonxe de desculparse, manifestou escusas que revelaron a desnortada dirección do seu partido en Oroso: “Nós dixemos o que nos dixo a delegada de Fomento en Galicia. En xaneiro ou en decembro, ao ver que estaban paradas, vin que a delegada non me dixo a verdade. Poden crerme ou non. Esa señora díxome iso. Agora non me colle o teléfono nin me contesta aos e-mails”.

O alcalde reprobou a súa ignorancia e recomendoulle que “cando teña que falar de obras de estradas en Galicia, con quen ten que falar é con Ángel González  del Río, xefe da Demarcación de Estradas en Galicia”. Mirás Franqueira acusou ao voceiro popular de “vir hoxe desmentir unha mentira e contounos outra” e lamentou que o PP tardara máis de tres meses “en recoñecer que as obras estaban paradas. Iso demostra que non lles preocupa o dano que lles causan aos veciños esas obras, que levan case un ano sufrindo esas molestias”.

Mirás opina que “O PP está a buscar xa outro candidato”. “No propio partido a Doval non lle fan caso nin sabe el a quen dirixirse, asegura porque o sr. Doval e mais do mesmo, igual que os anteriores ”.

Manipulación da opinión pública

A comunicación tendenciosa efectuada polo PP de Oroso foi tamén centro de debate ao respecto dunha moción popular sobre os recentes problemas de alumeado público. Os populares pedían na devandita moción a apertura dun expediente de investigación. O propio voceiro do BNG, Xosé Manuel Pérez, argumentou que este tipo de procedementos só se empregan cando se detectan irregularidades importantes.

O portavoz socialista, Antonio Leira, explicou que o Concello leva desde o primeiro día traballando pendente dos cortes de luz e supervisando as actuacións da empresa concesionaria (que foi adxudicataria do servizo hai un par de meses). “É certo que hai un problema de luz e que estamos atentos a el, en contacto permanente coa empresa e podemos dicirlle que estamos moi cerquiña da solución”.

Leira lamentou que o PP utilice de novo esta situación como arma contra o Goberno municipal e a propia empresa, poñendo a información nas redes sociais e mandándolla aos medios de comunicación no canto de notificar a incidencia ao Concello. Neste sentido, o alcalde acusou a Doval de facer permanentemente un uso das redes sociais para manipular a opinión da veciñanza. Mirás recordoulle a Doval un dos exemplos máis vergonzosos, cando afirmou que había traballadores municipais asfaltando no polígono en días de chuvia, obra que en realidade estaba a desenvolver nas súas instalacións unha empresa privada.

Deixa un comentario