Pedimos a vacina da meninxite B no calendario e o desenvolvemento do Estatuto de vítima de feminicidio

O Grupo Municipal Socialista achegou ao pasado Pleno do día 26 de novembro dúas mocións en relación a cuestións que están a presentar unha gran demanda social: A primeira delas ten o obxectivo de incrementar os esforzos contra a violencia de xénero.

Segundo datos oficiais, foron xa 48 as mulleres asasinadas en España no que vai de 2015. Ante a gravidade do problema, consideramos fundamental a inclusión do concepto feminicidio como forma de terror propia que sofren as mulleres e que serva de base para a elaboración dun Estatuto de vítima de feminicidio.

Con esta argumentación os Socialistas de Oroso solicitamos ao Concello que se inste á Xunta de Galicia a trasladar ao Estado a necesidade de modificar a Lei Orgánica 1/2004 do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para introducir o termo feminicidio e iniciar os traballos para desenvolver o Estatuto de vítima de feminicidio. Solicitamos tamén que se pida á Xunta a modificación da Lei galega 11/2007 do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero, para incorporar a regulación do feminicidio e o estatuto de protección das vítimas.

Por outra banda, pedimos que se solicite á Xunta a elaboración dun Plan de igualdade no ámbito educativo, co obxectivo de que serva como referente para toda a comunidade educativa en materia de coeducación e prevención da violencia de xénero, desde unha perspectiva estrutural, integral e transversal.

Vacina contra a meninxite B

A segunda moción presentada polo Grupo Municipal Socialista solicitou a aprobación por parte do pleno municipal de dous acordos: o primeiro, para instar ao Goberno de España á inclusión inmediata da vacina contra a meninxite B no calendario vacinal; o segundo expón a posibilidade de que o Ministerio de Sanidade non a inclúa e, por iso, pide que se inste á Xunta a facer unha experiencia piloto, coa inclusión da vacina no calendario autonómico de vacinación.

Deixa un comentario