Besteiro: “O 20 de decembro vámoslle dar a volta a Galicia”

DSC_0028

O Secretario Xeral dos PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou en Oroso que o día 20 os socialistas daranlle a volta ao noso país, que agora é “a Galicia do revés”, na que os mariñeiros están na terra protestando por unha cota xusta; os gandeiros protestando na cidade, os mozos marchando fóra en busca de futuro e os pensionistas mantendo a fillos e netos coa pensión máis baixa de España. “O 20 de decembro vámoslle dar a volta a Galicia e aplicarlle a Rajoy a reforma laboral que el aprobou, e darlle o despido sen indemnización”.

Besteiro fixo estas declaracións no mitin celebrado na noite do sábado no Centro Cultural de Oroso, no que participaron tamén a cabeza de lista pola provincia da Coruña, Pilar Cancela, e o alcalde, Manolo Mirás. Besteiro fixo fincapé en que “non podemos deixar a xestión pública nas mans de persoas que din que a xestión privada é mellor”.

Ante un público entregado, Besteiro criticou en clave de humor a valía dos restantes candidatos. Acusou a Rajoy de ser un presidente indolente e afastado dos problemas de Galicia. “Calquera galego dos que estamos aquí sabemos facer mexilóns ao vapor, e que se un mexilón non se abre non se pode comer”. “Rajoy a todo lle quita importancia, nós coñecémolo ben, é o presidente dos hilillos de plastilina“, recordou. O líder dos socialistas galegos destacou que da caixa das pensións deixada polo PSOE, de 68.000 millóns de euros, queda xa só a metade, por mor da xestión feita polo PP nos últimos catro anos.

Advertiu, non obstante, que “así como o PP é o lobo, Ciudadanos é o raposo, ao que se lle está empezando a ver a patiña”. “O contrato único de Ciudadanos é o lo tomas o lo dejas“, criticou. Censurou tamén a visión da educación pública deste partido, así como os seus postulados en relación á violencia machista. Tivo ademais palabras para “a marea”, que “nunca se molla”, pois “non saben o que van facer”. “Agora xa non se sabe que existe Grecia nin Venezuela”, recalcou.

Besteiro argumentou que o Partido Socialista ten demostrado nos distintos gobernos a súa capacidade de xestión, baseada na “mensaxe da solidariedade”, premisa que é patente en modelos municipais coma o de Oroso. “Non nos van votar polo que fixemos, senón polo que vamos a facer, pero é verdade que o que fixemos é a mellor garantía de que haberá un cambio, e un cambio tranquilo”, afirmou.

Intervención de Pilar Cancela

Besteiro, quen felicitou a Manolo Mirás polos seus últimos resultados electorais e pola súa recente elección como Vicepresidente da Fegamp, sucedeu no mitin a Pilar Cancela. A candidata ao Congreso reflexionou sobre os ataques a Pedro Sánchez desde os distintos partidos e coas interpretacións das enquisas preelectorais: “Parece que Pedro Sánchez é xa presidente do Goberno e xa os ten a todos contra el. Esperade un pouco que iso vai pasar o próximo domingo”.

Cancela puxo en valor principios fundamentais do Partido Socialista como a sanidade universal e a educación pública, e reinvidicou o “sentimento galeguista” do PSdeG, fronte a “outros que se presentan como propietarios” deste sentimento. Destacou ademais a cultura democrática do PSOE, fronte á “cobardía democrática” dos partidos que se negan a participar en debates.

A número 1 pola provincia da Coruña subliñou que os socialistas non fan políticas “de costas á xente”, senón comunicando e dialogando, “o que dá máis traballo, pero tamén nos enriquece”. Manifestou a súa indignación ao respecto das propostas de Ciudadanos en relación á violencia de xénero: “A que século retrocedemos?”. Advertiu de que o labor feito a prol da igualdade e para paliar a violencia machista será defendida “con unllas e dentes”. Cancela finalizou a súa intevención chamando ao voto dado que “o domingo temos unha oportunidade histórica de mellorar a vida da xente”.

“Un voto ao PP é tirar con este concello”

O alcalde orosán recordou os enormes avances que se fixeron no concello de Oroso grazas aos distintos gobernos socialistas no goberno central, na Xunta e na Deputación coruñesa. Puxo como exemplos ás áreas de sanidade e ensino, pois grazas á xestión socialista o municipio incorporou dous centros de saúde e a escolarización da totalidade dos nenos de cero a tres anos.

Pola contra, resaltou que “darlle un voto ao Partido Popular neste concello é tirar con el”. Refrendou esta afirmación expondo a situación actual do enlace da AP9, polo que o Concello de Oroso loitou durante 11 anos, e conseguido no último Congreso de Ministros de Zapatero. Tras ser paralizado sen motivo durante 3 anos polo PP, “comezaron a facelo porque non lles quedou máis remedio” e agora as obras están interrompidas. “A ministra veu aquí ao lado a anunciar dunha pasarela para os peregrinos para a que aínda non hai nin orzamento, e dixo que o enlace estaría feito nun mes; pasaron dous e a obra segue parada, e agora os técnicos din que ata maio non vai estar rematada”.

Mirás lamentou que en Oroso “o líder do PP cando ve unha farola estragada en vez de avisar ao Concello chama aos medios de comunicación”.

Con estes argumentos, Mirás chamou á veciñanza á reflexión, porque o PSOE ten “o candidato mellor preparado para ser presidente do Goberno”, e “queda unha semana e todos e todas temos que axudar e ir a votar polo Partido Socialista”.

Deixa un comentario