Mirás: “Nesta nova etapa na Fegamp vamos a traballar para que os concellos non asuman tarefas impropias”

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é un organismo constituído polos 314 concellos, as 4 deputacións provinciais e as 9 entidades locais menores que existen na comunidade autónoma de Galicia. Esta organización ten como misión principal a defensa do municipalismo galego mediante o diálogo e o espírito de colaboración, o que posibilitou a consecución de importantes logros para as deputacións e os concellos galegos. Por exemplo, no mandato entre 1999 e 2003 a Fegamp fixo posible fixar a participación dos concellos na recadación dos ingresos propios da Xunta de Galicia, reforzando dese xeito a autonomía das facendas locais e conseguindo maiores cotas de eficacia na xestión municipal.

Na IX Asemblea Xeral da Fegamp, celebrada o pasado venres 30 de outubro, o alcalde de O Barco de Valdeorras, o socialista Alfredo García, foi proclamado presidente. O rexedor de O Barco contará co alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira, como vicepresidente executivo, cargo sen remuneración. Esta responsabilidade significa ser o segundo de a bordo para velar por que a administración local funcione mellor. O principal obxectivo é conseguir que os municipios teñan cada vez máis financiamento das administracións supramunicipais: a Unión Europea, o Estado, a Xunta e as deputacións provinciais.

O noso alcalde explica que o seu cometido será “reorganizar todo o que se fai na Fegamp para darlles servizos aos municipios”, co obxectivo primeiro de loitar para que as “tarefas impropias” que asumen desde hai anos os municipios sexan xestionadas da forma correcta. Mirás pon como exemplo a limpeza, pago de calefacción e electricidade, arranxo dos xardíns e tarefas de mantemento dos centros de saúde que ” seguen asumindo moitísimos concellos de Galicia”, cando se trata de competencias da Consellería de Sanidade.

Delimitar as responsabilidades do concello

“O que queremos é non ter que estar facendo cousas impropias, eu chámolle impropio a todo aquilo que non ten financiamento e que temos que asumir con fondos dos veciños e doutras partidas ás que lles temos que quitar para poder facer fronte a eses gastos”, explica o alcalde orosán. Pon como exemplo tamén as responsabilidades que asumen os concellos respecto dos centros de ensino, dado que o goberno local “pon a conserxería, paga a electricidade, mantén os xardíns e as instalacións deportivas…” Por iso, argumenta, “hai que delimitar todos os temas que facemos os concellos en materia de ensino, que non son menores, e iso sen recibir nada a cambio”.

Anuncia, en consecuencia, que desde a Fegamp solicitarase que unha competencia impropia se converta en propia, para o que “se poden facer dúas cousas: ou ben que as asuma a Xunta ou ben mandarlle financiamento ao concello para que o poida levar a cabo”.

Deixa un comentario