Análise das absurdas mocións presentadas polo PP no último pleno

auga cemiterio

Facer un bo traballo de oposición nun concello implica coñecer o día a día das actuacións que fai a institución local; ter ideas alternativas ou novidosas fronte ás do equipo de goberno; e sobre todo estar a pé de rúa coa veciñanza: saber dos seus problemas, estar á beira das súas expectativas e traballar sempre en prol do seu interese. Se non se ten isto en conta, faise unha pobre oposición, como é o caso do Partido Popular de Oroso.

Que sirva de mostra un rogo que fixeron respecto a ausencia de auga no cemiterio vello da parroquia de Oroso. A fotografía superior mostra que o rogo estaba fundamentado nunha mentira, ou cando menos nunha falta de información. Se o líder dos populares orosáns, Alexánder Doval, non visita o cemiterio de Oroso, non pode saber que alí hai auga, tal e como se ve na imaxe que ilustra esta información.

Solidariedade cunha familia de Marzoa

 1. MOCION GRUPO MUNICIPAL DO PP (FAMILIA MARZOA)

Instaba o Grupo Municipal Popular a solidarizarse coa familia de Marzoa á que lle ardeu a vivenda o pasado 29 de agosto. O pasado pleno celebrouse o día 24 de setembro, case un mes despois do lamentable sinistro. O equipo de goberno ocupouse da familia afectada desde o primeiro momento, e de feito houbo varias reunións do alcalde e concelleiros coas persoas afectadas. O Concello segue a traballar para solucionar a situación. Se non se divulgaron as medidas adoptadas foi por preservar a intimidade da familia en cuestión.

A máxima discreción ao respecto das actuacións coas familias necesitadas é unha norma básica dos Servizos Sociais. O Grupo Municipal Popular demostra con esta moción non terse informado ao respecto da xestión desta crise, e ademais busca utilizar politicamente a traxedia sufrida por estes veciños de Marzoa.

Atención aos refuxiados

Refuxiados

Pediu o grupo liderado por Doval que o Concello instase “a todas as Administracións públicas” a “colaborar para ofrecer unha resposta unificada, conxunta e solidaria” á crise humanitaria desencadeada pola guerra en Siria. O texto da moción deixa patente que os populares descoñecen a xerarquía de competencias das distintas administracións, pois pretenden que o Concello de Oroso mesmo inste “a todas as Administracións públicas” a impulsar “unha verdadeira política europea, común e integral de inmigración e asilo”.

Desde o Grupo Municipal Socialista consideramos que é obvio que non se deben emprender políticas que exceden as competencias municipais e que en todo caso atinxen ao Goberno do Estado e á Unión Europea.

Non obstante, cómpre destacar que no que corresponde á área de competencia municipal o equipo de goberno xa fixera tamén as xestións oportunas en relación á crise da poboación refuxiada que se está a vivir en Europa. Concienciados sobre a necesidade de prestar axuda de forma solidaria, na media en que as posibilidades do concello o permiten, o pasado 9 de setembro fíxose público un bando municipal para anunciar un novo rexistro de familias acolledoras de refuxiados.

Este rexistro permite a inscrición de familias dispostas ao acollemento de familias enteiras ou ben dispostas á acollida de menores de idade. Xa son varias as familias interesadas nesta vía de axuda, e o equipo de goberno segue pendente das instrucións ao respecto que está a transmitir a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Por todo isto os Socialistas de Oroso instamos ao Grupo Municipal Popular a que sexa dilixente e se manteña ao tanto das actuacións municipais para non volver a presentar mocións que non conducen a nada.

Promoción do leite galego

Promocion leite

Os populares avogaban noutra moción pola promoción do leite galego. Resulta sorprendente que concelleiros e concelleiras de Oroso pidan ao goberno local que gaste cartos en competencias da Consellería do Medio Rural para, por exemplo, “difusión da campaña publicitaria Galega 100%”, “accións de concienciación coas asociacións de consumidores” e “accións de promoción entre o gremio hostaleiro”.

O equipo de goberno pide ao Grupo Popular un exercicio de responsabilidade ao propor accións municipais, por canto supoñen custes que deben ser avaliados en virtude das necesidades dos veciños e veciñas, e por suposto atendendo a criterios de legalidade competencial.

O equipo de goberno considera que a solución á crise do sector lácteo non se vai solucionar cunha campaña publicitaria, senón con medidas que impidan a ditadura de prezos aos que os produtores de leite se ven sometidos polas empresas que o recollen. Precisamente por iso o Grupo Municipal Socialista presentou a finais de xullo unha moción para instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España a convocar unha reunión urxente co conxunto do sector lácteo para resolver e superar a crise que atravesa.

En defensa da cohesión de España

Defensa Estado Derecho

Alexánder Doval considerou tamén oportuno pedir ao Concello de Oroso que instase “a todos os poderes públicos, administracións públicas e sociedade civil” a “pór en valor a cohesión e a unidade de España”, a “pór en valor a fortaleza democrática das nosas institucións” e á “posta en valor e defensa da nosa soberanía nacional, que non é nin vulnerable nin fraccionable”.

O texto desta moción, que se pode ver íntegro na imaxe, constitúe un brinde ao sol que nada ten que ver con Oroso nin cos intereses da súa veciñanza. Vese que o Partido Popular de Madrid, na súa descarriada campaña para as eleccións catalás celebradas onte pensou que tiña algún sentido que nos concellos doutras comunidades se presentase esta moción, que en nada atinxe aos veciños e veciñas de Oroso.

En resumidas contas, o Grupo Municipal Socialista pide aos populares que fuxan da palabrería e fagan propostas reais, que atinxan a problemas aínda non xestionados e que estean axustadas á realidade da administración local e ás necesidades da poboación de Oroso.

Deixa un comentario