Antonio Leira toma posesión coma deputado provincial

20150718014214

Antonio Leira Piñeiro, concelleiro de Seguridade Cidadá de Oroso, xa tomou posesión do seu cargo coma deputado provincial da Coruña. O noso compañeiro prometeu o seu cargo o xoves, 16 de xullo, xornada na que quedou conformada a nova corporación provincial, presidida agora polo socialista Valentín González Formoso.

O deputado provincial orosán inicia así o seu segundo mandato como deputado provincial, no que ao seu xuízo “ábrese unha nova etapa , ilusionante e de responsabilidade , con moitas ganas de achegar aos cidadáns da provincia unha mellor rede de servizos”. Manifestou ter “a sorte de estar acompañado de compañeiros e compañeiras enormes”, que teñen o reto de defender desde a cámara provincial unha postura política progresista de unidade e coherencia, baseada na solidariedade e na xustiza social.

Para conseguir este obxectivo Leira aposta por unha metodoloxía de xuntanzas periódicas entre os concelleiros e concelleiras socialistas, tanto por comarcas coma por partidos xudiciais, de tal forma que se poñan en común as premisas políticas que defenderá o Partido Socialista na provincia ao respecto das decisións da Xunta e do Goberno central.

Consciente de que se inicia unha etapa diferente, na que a entrada de formacións políticas de recente creación porá enriba da mesa novos debates, Leira considera que o PSdeG ten a misión clave de ser permeable ás expectativas da cidadanía desde a “bagaxe e a responsabilidade” dun partido “moi estruturado e cun gran capital humano”. Antonio Leira expresou o seu agradecemento aos compañeiros e compañeiras do partido que co seu voto lle deron a súa confianza para propoñelo de novo como deputado provincial.

Valentín González Formoso, alcalde das Pontes, foi elixido presidente cos 18 votos que suman os Grupos do PSdeG-PSOE (8 deputados), BNG (5), Marea Atlántica (3), Compostela Aberta (1) e Alternativa dos Veciños (1), fronte aos trece votos obtidos por Diego Calvo, o candidato do Partido Popular, na sesión extraordinaria de constitución da nova corporación.

Antonio Leira saúda o novo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Antonio Leira saúda o novo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

 

Deixa un comentario