Manolo Mirás: “os Socialistas de Oroso traballaremos con ilusión para acadar un maior benestar e unha mellor calidade de vida para os nosos veciños”.

O socialista Manuel Mirás tomou posesión como alcalde do Concello de Oroso no pleno de constitución da corporación, celebrado hoxe sábado e no que apuntou que “os Socialistas de Oroso traballaremos con ilusión para acadar un maior benestar e unha mellor calidade de vida para os nosos veciños e veciñas”. Un traballo “difícil pero ao mesmo tempo ilusionante” que se desenvolverá nos próximos catro anos, logo de que os Socialistas de Oroso revalidáramos a maioría absoluta nas eleccións do pasado mes de maio.

No seu discurso de toma de posesión, Mirás lembrou que o ensino, o deporte, a cultura e o benestar social seguirán sendo as prioridades do seu Goberno nos próximos catro anos. Catro puntos aos que engadiu outros catro máis: a promoción económica, a conservación e mellora das infraestruturas viais, a ordenación do territorio e a extensión dos servizos de abastecemento e saneamento.

Así, Mirás explicou que algunhas das accións máis significativas xa están en marcha, como son o remate dos accesos ao novo colexio de Sigüeiro e á nova gardería Chousa Nova. En deportes, e logo das melloras realizadas no polideportivo, os Socialistas de Oroso manterán o seu apoio aos clubs e apostará por facer novas infraestruturas como un campo de fútbol-7 e un novo pavillón deportivo. En cultura, un dos buques insignia deste municipio, Mirás agarda dar un “salto de calidade” con dúas novas instalacións: o Centro Cultural de Oroso, que xa está en tramitación, e un auditorio, para o que en breve se comezará co proxecto e a busca de financiamento. Finalmente, en materia de servizos sociais, Oroso seguirá na Mancomunidade de Ordes. Cando menos de momento e por motivos de eficiencia económica, xa que permite contar con servizos como o Centro de Información á Muller ou a Atención Temperá.

Desafíos

En canto aos desafíos para os próximos catro anos, Mirás aposta por desenvolver por fases do polígono San Martiño II, paralizado por mor da crise económica. Neste sentido, compre lembrar que ese polígono será moito máis atractivo para as empresas e os emprendedores  a partir de finais do verán, cando entre en servizo o enlace sur da AP-9 solicitado, conseguido e posto en marcha baixo goberno socialista.

E, falando de infraestruturas viarias, os Socialistas de Oroso seguiremos esixindo ao Ministerio de Fomento a urxente reparación integral do firme da Nacional 550, que se atopa nun estado de conservación vergoñento, e que cumpra o seu compromiso de arranxar os viais paralelos de servizo, xa que as actuacións que se fixeron a principios de ano non serviron para nada. Ademais, tal e como se comprometeu durante a campaña electoral, Mirás solicitará a execución da variante de Sigüeiro, ademais que seguir mellorando o estado da nosa rede viaria municipal.

Así mesmo, agora que se cumpren dez anos da aprobación do noso Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), “o noso obxectivo é poder amplialo onde faga falta e reducilo onde non faga falta para que desta maneira os propietarios paguen menos contribución, recoller todos os núcleos que quedaron fóra de ordenación en 2005 e programar novos equipamentos onde sexa necesario”, apunta Manuel Mirás.

Finalmente, e no que respecta aos servizos de abastecemento e saneamento, Mirás mantén a proposta incluída no programa dos Socialistas de Oroso: amplialos polas zonas rurais. Para conseguilo será preciso o apoio financeiro da Xunta, do Goberno de España e da Unión Europea, especialmente da Xunta, que cobra cada ano 85.000 euros aos veciños en concepto de canon da auga sen que o Concello reciba nin un euro para obras hidráulicas.

Como anécdota da mañá, deuse a circunstancia de que os dous candidatos que maiores críticas e mentiras lanzaron durante a campaña electoral sobre o noso candidato (e que nin sequera o felicitaron polo seu triunfo na noite electoral), Manuel Siverio e Alexánder Doval, foron quen lle tiveron que entregar o bastón de mando a Manuel Mirás, ao seren os candidatos máis vello e máis novo, respectivamente. Así as cousas, a corporación municipal de Oroso queda do seguinte xeito:

  • Manuel Mirás Franqueira (PSdeG-PSOE)
  • Vanesa Boo Martínez (PSdeG-PSOE)
  • Antonio Leira Piñeiro (PSdeG-PSOE)
  • Beatriz Rodeiro Fernández (PSdeG-PSOE)
  • Luis Rey Villaverde (PSdeG-PSOE)
  • María del Carmen Liste Raña (PSdeG-PSOE)
  • Eduardo Veiras Rey (PSdeG-PSOE)
  • Alexander Doval Expósito (PP)
  • Josefina Iglesias Blanco (PP)
  • Silvia Suárez García (PP)
  • Pablo Parga Villaverde (PP)
  • Manuel Siverio Mirás Liñares (SON de Oroso-Anova)
  • Xosé Manuel Pérez Penas (BNG-Asembleas Abertas)

Deixa un comentario