Mirás, tras renovar maioría absoluta: “Mañá hai que empezar a traballar, porque as eleccións gáñanse estando a disposición dos veciños durante catro anos”

celebracion

Manolo Mirás manifestou onte o seu agradecemento aos veciños e veciñas que co seu voto renovaron maioría absoluta do PSdeG no Concello de Oroso. Pero na intervención coa que deu apertura á celebración socialista foi claro: “Mañá hai que volver a empezar a traballar, porque hai quen cre que as eleccións se gañan cunha campaña de 15 días; e as eleccións gáñanse estando a disposición dos veciños e veciñas durante catro anos, falando coas asociacións, cos clubs, facendo cultura e educación”.

O cabeza de lista dos Socialistas de Oroso manifestou a súa satisfacción por ter incrementado os votos con respecto aos comicios anteriores, o que fixo posible “quedar moi preto” do oitavo concelleiro . “Se usásemos os mesmos métodos que utilizaron algúns si o teríamos conseguido, pero nos traballamos limpamente”, puntualizou.

Mirás foi contundente nas súas críticas sobre as prácticas de manipulación de voto exercidas polo PP durante a xornada electoral: “Vos credes que é posible ese despliegue do PP de ter a catro ou cinco persoas diante das sedes electorais, presionando? Creo que todo o mundo sabe o que ten que facer”, condenou. De feito, destacou que o BNG foi o único partido dos que concorreron en Oroso que o felicitou polos resultados conseguidos.

“Estes do PP que cambian cada catro anos totalmente a candidatura cren que presionando van a conseguir ganar, pero non van ganar nunca, porque non teñen proxecto, e non dixeron máis que mentiras durante a campaña”, criticou. O alcalde lamentou “que a moitísima xente non a deixaran votar en liberdade”, con feitos como ir a buscar a unha señora “ás oito da mañá” e enganala “dicíndolle que a levaban para votar polo alcalde”.

Tras felicitar ao seu equipo polo traballo desenvolvido durante a campaña, Mirás dou paso á celebración non sen antes convidar a todos os presentes a “reservar” o primeiro sábado de setembro para acudir ao encontro socialista da Penateixa.

Deixa un comentario